Concello de Ourense

O Psoe esixe que se "axilicen" as liñas de axudas para autónomos

Os socialistas critican a “deixadez” de Jácome e sinalan que “non fai os deberes a tempo”, polo que os autónomos, comerciantes e hostaleiros “seguen agardando polas promesas feitas polo rexedor”

Óscar Gómez

Ourense | 24.03.2022 12:52

O Psoe esixe que se "axilicen" as liñas de axudas para autónomos
O Psoe esixe que se "axilicen" as liñas de axudas para autónomos | La Región

O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle ao bigoberno de DO e PP que “se poñan as pilas” e axilicen, “dunha vez por todas”, as liñas de axudas aprobadas en pleno en novembro e destinadas a fomentar a actividade económica no municipio. Os socialistas denuncian que máis de catro meses despois de que se aprobase por unanimidade en sesión extraordinaria unha modificación orzamentaria neste senso, “seguimos sen novas ao respecto” e nin tan sequera se publicaron as bases no BOP.

Dende o Grupo Municipal Socialista critican a “deixadez” do alcalde, Pérez Jácome, e lembran, que xa no propio pleno onde foron aprobadas, denunciaron que “non se fixeran os deberes a tempo”, situación que “non mudou ata o momento” e a veciñanza e os autónomos “seguen agardando polas promesas feitas polo rexedor”. Os socialistas acusan ao rexedor de “incumprir sistematicamente coa cidade” e poñen en dúbida que as bases desta liña de axudas estean redactadas.

Para os socialistas esta situación “é moi preocupante, posto que entramos noutra crise motivada pola suba dos prezos da enerxía ou os carburantes a causa dos efectos da guerra en Ucraína, e os comerciantes e autónomos da cidade xa están pagando as consecuencia”. Por este motivo esíxenlle ao bigoberno que “axilicen” os trámites e publiquen canto antes as bases do BOP, xa que tal e como relatan, as circunstancias son “críticas” e eses 10 millóns polos que seguen agardando os autónomos e hostaleiros da cidade “servirían para axudar a paliar as consecuencias provocadas por esta nova crise”.

Para a concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Juana Ageitos Gude, esta “parálise” pon de manifesto que a concellería de comercio “é un auténtico e rotundo desastre” e acusa ao concelleiro titular desta área, Antonio Fernández Martín e aos seus predecesores de “non estar á altura do que Ourense precisa”. A edil socialista relata que durante a última xunta de área “realizamos numerosas preguntas ao respecto destas axudas e doutros temas de relevancia, pero atopámonos co de sempre, o concelleiro responsable nin sabe, nin contesta”.

Ageitos Gude denuncia que o bigoberno “chega tarde, mal e arrastras a todas as iniciativas que propoñen” e critica que “é inconcibíbel que unhas axudas aprobadas en sesión plenaria fai máis de 4 meses, sigan sen tramitarse e sen publicarse no BOP, para que todos aqueles que o desexen poidan acollerse as mesmas”. A concelleira do PSdeG-PSOE na cidade de Ourense lamenta que a día de hoxe “sigamos sen ter noticias das bases da convocatoria, se se van empregar bonos, se se vai conceder unha cantidade fixa ou se se van ter en conta as diversas situacións nas que se atopan os autónomos desta cidade, que non son idénticas”.

O PSdeG-PSOE de Ourense considera que este é “outro capítulo de improvisación do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, coa complicidade dos seus socios do Partido Popular, que seguen a consentir esta forma de actuar, na que o traballo brilla pola súa ausencia e onde non hai planificación algunha”. Neste senso, os socialistas esixen “unha mellor planificación”, xa que tal e como apuntan “Ourense non pode seguir nesta situación nin un minuto máis”.