Ourense Cidade

O Psoe esixe a Jácome que poña fin ás colas permanentes nos servizos públicos

Lamentan que Jácome estea “máis preocupado por contratar asesores que por suplir as carencias de persoal nos servizos esenciais” e alertan da situación de “caos” na que está sumida a xestión municipal

Óscar Gómez

Ourense | 24.03.2021 07:55

O Psoe esixe a Jácome  que poña fin ás colas permanentes nos servizos públicos
O Psoe esixe a Jácome que poña fin ás colas permanentes nos servizos públicos | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense esixe que Jácome poña fin ás colas permanentes nos servizos públicos do Concello, que están a provocar “agardas insoportables” entre a veciñanza. Os socialistas denuncian que o “colapso” dos servizos da planta baixa –rexistro, padrón e estatística– é froito do “caos instalado polo alcalde no Concello, que o PP aplaude con ledicia” e lamentan que o rexedor estea “máis preocupado por contratar asesores que por suplir as evidentes carencias de persoal nos servizos esenciais”.

“Os funcionarios están desbordados, a veciñanza, indignada; e o alcalde non fai nada por solucionalo”, sinalan desde o grupo municipal socialista, ao tempo que defenden a necesidade de pór en marcha un plan de modernización dixital para o Concello que contemple a implantación dun sistema de cita previa. “É lamentable que a cidadanía teña que agardar ata tres horas na rúa baixo as inclemencias do tempo, e os insuficientes traballadores destas áreas non poden ir máis axiña porque os sistemas informáticos non llo permiten”, aseguran.

Desde o grupo municipal socialista lembran que “o alcalde decretou a desaparición da aula CEMIT”, un espazo que fomentaba a alfabetización dixital da cidadanía, porque “supostamente ía instalar nestas dependencias un centro pioneiro de intelixencia artificial”. Nós instamos ao alcalde a que lle explique á veciñanza como é posible que, na cidade da intelixencia artificial, os funcionarios do Concello teñan que traballar con sistemas informáticos do século pasado”.