Deptución de Ourense

O Psoe denuncia unha "nova operación caciquil exprés" de Baltar

“Agora sabemos por que César Fernández forzou a moción de censura e marchou contento: xa sabía que tiña 60.000 euros quentiños de soldo público noutros despachos”, aseguran desde o Psoe

Óscar Gómez

Ourense | 25.02.2021 08:07

Rafa Villarino, reclama unha investigación nas Residencias de Maiores
Rafa Villarino, reclama unha investigación nas Residencias de Maiores | Psoe Ourense

O PSdeG-PSOE denuncia unha “nova operación caciquil exprés” de Manuel Baltar, co fin de “salvarlle o soldo” ao exalcalde de Ribadavia, César Fernández, a quen vén de nomear vicepresidente segundo da Deputación de Ourense “en menos de 24 horas desde que perdeu o posto de rexedor”. Os socialistas consideran que o presidente “copia os métodos máis cutres do seu pai”, repartindo “postos públicos a dedo entre amiguitos e amiguitas a cambio de favores orgánicos e electorais”.

“Baltar vive rodeado de palmeiros que lle aplauden e rin as gracias” e o exalcalde de Ribadavia “é un dos seus maiores aplaudidores”, aseguran desde o PSdeG-PSOE antes de recordar que “agora sabemos por que Fernández forzou a moción de censura e marchou contento: xa sabía que tiña 60.000 euros quentiños de soldo público agardando noutro despacho”. “Baltar converteu a Deputación nunha UTE para colocar aos seus peóns en beneficio seu”, advirten.

“Por moitos anos que pasen, os enchufes non pasan de moda no PP de Ourense”, destacan os socialistas que recordan como o pai do actual presidente "facía e desfacía postos e cargos con esta mesma pasmosa axilidade, xogando cos cartos públicos”. “O actual presidente herdou a institución e tamén as formas do seu predecesor", insisten. “O caciquismo de José Luis Baltar segue a campar ás súas anchas pola Deputación”, aseveran xa que “nos últimos meses Manuel Baltar está especialmente inquedo e nervioso porque perdeu a maioría absoluta e trémelle a cadeira”, polo que “adica todo o seu tempo a ofrecer prebendas públicas a cambio de apoios”.

“Desde que Baltar é presidente, o PP de Ourense perde 17 votos cada día” polo que, a este ritmo, “o propio Baltar fillo será o enterrador do baltarismo neste mandato” coa perda do goberno provincial, destacan. “O descalabro electoral do PP ourensán é palpable desde que el é presidente e seu posto pende dun fío que agora xa so pode manter con estas piruetas políticas”, conclúen.