Ourense Cidade

O Psoe denuncia a "última guinda" do "pendello do PP" para a estación intermodal de Ourense

A nova terminal de autobuses impulsada pola Xunta na capital será a máis pequena, a que contará con menos dársenas

Óscar Gómez

Ourense | 07.01.2021 08:12

O Psoe denuncia a "última guinda" do "pendello do PP" para a estación intermodal de Ourense
O Psoe denuncia a "última guinda" do "pendello do PP" para a estación intermodal de Ourense | onda cero

O PSdeG-PSOE denuncia a “ultima guinda” do “pendello do PP” na estación intermodal de Ourense: un muro de formigón, o “muro das lamentacións” afirman, rodeando o centro de saúde do barrio da Ponte, que arrinconará aos usuarios e usuarias deste espazo sanitario, convertido agora nunha rotonda para varios centos de autobuses cada día, que afumarán unha zona xa moi saturada pola contaminación. Os socialistas acudiron á “zona cero dos investimentos cero” da Xunta na terceira cidade de Galicia, para comprobar esta desfeita asinada “con ensañamento” por Alberto Núñez Feijóo, Ethel Vázquez e Jesús Vázquez, e que “hipotecará o futuro de Ourense” en contra da opinión dos arquitectos e da veciñanza.

A vicevoceira no Concello de Ourense, Natalia González, explicou que este muro “é a última guinda” do “pendello do PP” que “atrinchera” o centro de saúde, unha “razón máis para rexeitar esta infraestrutura que queren impoñer Fejóo e o PP”. A concelleira explica que é un muro que “supostamente tratará de dar solución aos problemas de insonorización da estación de autobuses”, pero que realmente “non ofrece ningún tipo de solución porque só empeora máis a situación”. “Queda un centro de saúde illado que terá problemas polo tráfico e de contaminación” de centos de autobuses ao día, advertiu.

A deputada no Parlamento, Carmen Rodríguez Dacosta, sinalou que “Feijóo e Ethel Vázquez seguen atrincheirando a cidade” facendo un “pendello” que ninguén quere antes de recordar que a conselleira de Infraestructuras “non foi quen de contestar” ás preguntas parlamentarias dos socialistas sobre o “derribo expréss” da estación de autobuses do Pino sen estar rematada a nova terminal, “mantendo á xente á intemperie en dúas marquesiñas nun novo pendello”. “Agora atopámonos cun muro innecesario de dous metros que non responde ao proxecto presentado á cidade”, incidiu a parlamentaria ourensá antes de reclamar “responsabilidades” e o “cambio desta actuación polo ben dos ourensanos e ourensanas”.

Pola súa banda, o secretario provincial e voceiro, Rafa Villarino, cualificou esta nova desfeita como “o muro das lamentacións” que “teremos todos cando a Xunta achique a sanidade pública” para “converter o pendello” que está a executar “na estación máis pequena e contaminante” das cidades de Galicia. Villarino indicou que o PSOE “loitará para que no futuro poidamos apartar” esta terminal de autobuses, xa que “houbo posibilidade de facelo, porque o Adif ofreceu terreos ao outro lado das vías para afastala do centro de saúde”, unha posiblidade que “non quixo escoitar” a Consellería de Infraestruturas para “prexudicar a Ourense” co único fin de “investir os cartos noutras cidades”.

A estación máis pequena de Galicia e máis contaminante de España

A nova estación de autobuses de Ourense impulsada pola Xunta, será a máis pequena das cidades da comunidade autónoma, segundo os datos recabados polo PSdeG-PSOE. A terminal está a ser ubicada “á forza” polo PP nun espazo minúsculo, adosada a un espazo sanitario e a carón dunha avenida na que se crearán importantes problemas de tráfico e seguridade que, ademais, rexistra recorrentemente, segundo os medidores da propia administración autonómica, unha das taxas de contaminación máis elevadas de España.