Ourense Cidade

O Psoe critica que Jácome actúe como un "Torrente desatado"

Natalia González, portavoz do partido no Concello, lembrou que cando se distribuiron para ofrecer proximidade a toda a veciñanza dos diferentes barrios fíxose tendo en conta a lexislación autonómica e que reducilas ou agrupalas iría en contra da mesma.

Óscar Gómez

Ourense | 03.10.2023 07:51

O Psoe critica que Jácome actúe como un "Torrente desatado"
O Psoe critica que Jácome actúe como un "Torrente desatado" | onda cero

“Este é un paso máis no desmantelamento dos servizos sociais de Ourense xa que leva aparellado, en caso de poder efectuarse, a desaparición das 4 Unidades Interdisciplinares de Intervención Social do Concello, as coñecidas como UNIS”, afirmou taxante esta mañá a voceira do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, logo dos anuncios feitos polo alcalde para reunificar as instalación e reducir o número de persoal do que dispoñen.

Neste senso, lembrou que cando se distribuiron para ofrecer proximidade a toda a veciñanza dos diferentes barrios fíxose tendo en conta a lexislación autonómica e que reducilas ou agrupalas iría en contra da mesma. “A administración máis próxima ao cidadán, que é o Concello de Ourense, ten que facilitar o acceso aos servizos sociais. As UNIS son a porta de entrada aos mesmos e se se suprimen se deixa fóra ás persoas máis vulnerables”, explicou a tamén secretaria xeral do PSdeG-PSOE na cidade.

“Nestas oficinas tramítanse temas tan delicados como son as solicitudes de prestacións económicas da Risga, o Ingreso Mínimo Vital ou o servizo de axuda no fogar. Gonzalo Pérez Jácome xa lles trasladou ás e aos 26 traballadores sociais municipais a súa intención de implementar tamén recurtes no persoal da Concellería de Benestar”, denunciou a edil socialista lembrando que non son 40, como escribiu nas súas redes sociais o alcalde, e que parte do persoal foi contratado durante a crise da COVID-19 para reforzar e axilizar un sistema que da soporte a máis de 105.000 habitantes na cidade.

Todo elo nunha provincia cunha das poboacións máis avellentadas de Europa e cunha alta taxa de pobreza –a maior de Galicia–. Por iso, González instou á concelleira Ana Fernández, que leva a carteira correspondente, a pronunciarse sobre se vai “render pleitesía” ao rexedor e a pasar á historia como a edil que desmantelou os servizos sociais no Concello de Ourense.

Así mesmo, sinalou como corresponsable da situación actual ao PP –sen o cal Democracia Ourensana non acadaría a Alcaldía– e pediu a todas e todos os traballadores municipais, ás centrais sindicais e ao funcionariado que non lle teñan medo a alguén “que exerce como un dictador” e que unan forzas para frear os abusos e acoso que padecen, segundo moitos deles contan. “Non podemos deixarnos amedrentar por un auténtico Torrente que se dedica a perseguir e espiar”, engadiu.

“Tamén quero transmitir todo o meu cariño e consideración para as persoas que recentemente foron vilipendiadas por Jácome, como son o representante de CCOO, a delegada de La Voz de Galicia e outros empregados e empregadas públicas, que están a vivir nas súas carnes unha campaña de acoso e derribo por parte do rexedor, os edís e os asesores que paga co diñeiro de toda a cidadanía”, rematou a portavoz dos e das socialistas.