Ourense Cidade

O Psoe acusa a Tellado de vir a Ourense a correr "unha cortina de fume"

Acusan a Tellado de “desviar” a atención do problema real de Ourense que é “o caos, o desgoberno e o abandono causado polo PP co seu pacto letal con Jácome, sendo máximos responsables da situación”

Óscar Gómez

Ourense | 16.06.2021 07:59

O Psoe acusa a Tellado de vir a Ourense a correr "unha cortina de fume"
O Psoe acusa a Tellado de vir a Ourense a correr "unha cortina de fume" | Diario de Pontevedra

O PSdeG-PSOE de Ourense critica o “cinismo” do secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, que ven a Ourense a falar de transparencia, méritos e capacidades dun proceso selectivo en Verín co único obxectivo de correr unha “cortina de fume” para tapar o “caos, abandono e desgoberno” causado polos populares na cidade de As Burgas ao manter como alcalde a Pérez Jácome, en contra da decisión e opinión da cidadanía.

Os socialistas denuncian que “hai que ser un jetas” para vir a Ourense a cuestionar un proceso público selectivo no Concello de Verín cando na Deputación de Ourense se leva ao longo dos últimos 40 anos “enchufando e colocando a dedo” a centenares de fillos, primos, sobriños, pais e demais familiares de cargos do Partido Popular. Dende o PSOE ourensán consideran que “só un cínico pode vir a dar leccións de moralidade á provincia de Ourense cando destacados membros do Partido Popular da provincia teñen colocados a diferentes familiares en cargos públicos da Deputación Provincial de Ourense”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que esta “cortina de fume” pretende tapar a realidade que se vive na capital da provincia onde un “pacto letal para a cidadanía” mantén a Jácome como rexedor, “impedindo o desenvolvemento da cidade e causando o caos máis absoluto”. Os socialistas apuntan a que os populares “non son ninguén para dar leccións de ética” cando manteñen a un rexedor ao fronte da cidade que só provoca “desleixo e abandono” e lembran que o PP “é o máximo responsable do que acontece en Ourense con ese pacto contra natura que só busca avalar a Jácome para manter o chiringuito de Manuel Baltar na Deputación”.

Os socialistas ourensáns tamén lle lembran a Tellado que o actual presidente da Deputación, Manuel Baltar, “ocupou o cargo por herdanza de seu pai” e apuntan a que José Luís Baltar “foi inhabilitado pola xustiza por enchufes masivos no ente provincial”, situación que segundo apuntan “parece que se lle esqueceu” o secretario xeral do Partido Popular de Galicia. A xustiza condenou entón ao ex-presidente do PP e da Deputación de Ourense por un delito de prevaricación continuada despois de colocar a 104 persoas na institución provincial.