O PSG-PSOE critíca a "pasividade" da oferta cultural da cidade
Os socialistas amosan “sorpresa” polo feito de que toda a actividade no Auditorio se pospoña ata o mes de setembro
O PSdeG-PSOE de Ourense critica que o Goberno Municipal se ampare en supostas “lagoas e problemas legais” e na ausencia de internet para continuar aprazando “sine die” as contratacións culturais por parte do Concello, que impide o teletraballo dos funcionarios. Así o asegurou onte a Xefa de Servizo de Cultura na Xunta de Área de Cultura, Educación, Contratación e Seguridade, María José Outeiriño, quen, nunha “inusitada” comparecencia de aproximadamente 45 minutos e sen apenas intervención por parte do concelleiro de Cultura, fixo un repaso por tódolos decretos e restricións publicadas no Boletín Oficial do Estado (BOE) sobre o Estado de Alarma para xustificar a “suspensión” de toda a actividade cultural na cidade.
Unha paralización que continuará nos vindeiros meses ante “a falta de dispoñibilidade dos funcionarios”, que carecen dunha conexión axeitada que facilite o teletraballo”, tal e como tamén asegurou Outeiriño, e que tamén impedirá a xestión de contratacións neste eido. Dende o grupo municipal socialista sinalan a “pasividade, falta de iniciativa e complicidade” do concelleiro de Cultura, Mario González, amparándose “nas trabas burocráticas” e “supostos problemas co señor Bill Gates”, para non solucionar a demora na xestión da oferta cultural da cidade, “coa debida intelixencia artificial, da que tanto fala o señor alcalde”.
“Porque o BOE tamén rexe noutras cidades, coma Vigo, Coruña ou Santiago, nas que os seus gobernos municipais souberon ofrecer alternativas culturais, a pesares do confinamento”, aseguran os socialistas, que critican que Democracia Ourensana “converta a cultura desta cidade nun problema burocrático”, permitindo que “outras persoas se arroguen a capacidade de decidir, politicamente” sobre a súa oferta cultural, ante “a falta de criterio e decisión” por parte do concelleiro de Cultura.
Os socialistas tamén lamentan a confirmación, por parte do concelleiro, do traslado da actividade cultural da sala Ángel Valente ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, no que supón “un novo achique do espazo destinado á cultura na nosa cidade”, e reiteran a súa solicitude de explicación sobre a autorización para o destino da sala Valente para usos administrativos. “Tan celosos como son no cumprimento da normativa cando lles convén, pero tan flexibles cando se trata de ignorar a existencia dun convenio que impide o destino da sala Valente para usos administrativos”, reitera o PSdeG-PSOE.