Conciliación familiar

Programas de actividades de verán para a rapazada de Ourense

O Concello pon á disposición das familias de Ourense unha programación de actividades de verán para a rapazada, que se desenvolverá nos centros cívicos, nos colexios de Infantil e Primaria e na Aula de Natureza do río Miño

Óscar Gómez

Ourense |

aula naturaleza oira | concello de ourense

As actividades son desenvolvidas polas concellerías de Política Social, nos centros cívicos, e Educación, nos CEIP e Aula de Natureza, coa finalidade de ofertarlle á cativada a posibilidade de participar en propostas de lecer e formativas nas que desfrutar durante as vacacións de verán, ao tempo que achegar ás familias importantes recursos para a conciliación familiar e laboral.

A programación de actividades de Educación, para nenos e nenas de 5 a 12 anos, estase pechando estes días coa finalidade de ampliar a oferta de prazas e espazos, garantindo o cumprimento dos protocolos de actuación derivados da alarma sanitaria. Proximamente poranse en marcha as preinscricións e as matrículas, que se realizarán a través da páxina web da Concellería de Educación, contando co apoio do persoal da Concellería cando sexa preciso.

A programación dos centros cívicos amplía este ano horarios, oferta tamén actividades polas tardes e os primeiros días de setembro, para cubrir até o inicio do curso escolar, articulada en quincenas, desde o día 1 de xullo até o 11 de setembro. Están dirixidas a nenos e nenas que naceran entre o 1/ 01/ 2008 e o 31/ 12/ 2016, co obxectivo básico de se divirtan, se relacionen e aprendan convivindo con outros rapaces e rapazas. Serán nos cinco centros cívicos municipais: Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo

O horario é de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas de luns a venres. As inscricións realizaranse desde o venres, 12 de xuño, a través da páxina www.ssociaiscursos.com, cubrindo un impreso que estará dispoñible ese mesmo día desde as 9:00 horas. O prazo rematará o día 16 de xuño ás 24:00 horas. Se algunha persoa precisa axuda coa inscrición pode dirixirse telefonicamente ao 988 393 107.

As actividades son gratuítas, dirixidas a familias empadroadas no Concello. Para adxudicar as prazas teranse en conta a orde de entrega das solicitudes, a orde de preferencia buscando sempre garantir que todos os nenos teñan a posibilidade de ter concedida como mínimo unha das quincena.

Os contidos buscan fomentar a participación dos nenos e nenas en actividades socio educativas, lúdicas e culturais que promovan a educación en igualdade e o coñecemento dos seus dereitos recoñecidos na Convención de Dereitos da Infancia. Trátase de promover que os menores se convertan en axentes de cambio social identificando a realidade do seu barrio e o seu entorno. Todo no marco das accións encamiñadas a dar cumprimento aos obxectivos do I Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Ourense.