O xurado do XV Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades recaeu nas profesionais dos servizos de axuda no fogar (SAF), ao entender o xurado que reflicten dun xeito singular os traballos de coidados. “Se algo puxo especialmente en evidencia durante o confinamento imposto despois da declaración do estado de alarma”, recolle a acta, “foi precisamente a crise dos coidados e a necesidade urxente de situalos no centro das políticas públicas”.
“Estas profesionais”, prosegue, “a pesar da diversidade das tarefas que desenvolven e das situacións persoais que teñen que atender, arriscando a súa integridade e a das persoas coas que interactúan, seguen a ser un dos sectores profesionais máis precarizados”. A pesar de seren profesionais sociosanitarias de atención domiciliaria acreditadas foron excluídas do Real Decreto Lei 3/2001, impedindo así que se lles recoñeza como enfermidade profesional o contaxio por covid-19 durante a pandemia. Tampouco estiveron na lista do persoal prioritario para ser vacinadas, a pesar de ser o segundo colectivo máis contaxiado pola covid logo do persoal sanitario.”
Mención especial ás traballadoras de Política Social.
Nesta edición do premio, a Concellería de Igualdade quixo facer tamén unha mención especial ao traballo desenvolvido polas traballadoras da área municipal de Política Social, porque desde que se declarou o estado de alarma amosaron unha profesionalidade e unha implicación “extraordinarias” para non deixar desatendidas as necesidades básicas da poboación ourensá, malia contar con moi pouco persoal e verse sometidas a sobreesforzos continuados para acadar ese obxectivo.
O xurado desta edición do Premio estivo formado por Telmo Ucha, concelleiro de Igualdade, Mª Elena De Jesús, directora do CIMM, Lucía López Cedrón, en representación do Consello Municipal de Igualdade de Oportunidade entre Homes e Mulleres, Nerea Fernández Gómez, en representación da Comisión de Investigación e Seguemento da violencia exercida contra as mulleres, Luz Doporto Real, en representación do ámbito sociocultural, e Mª Jesús Vázqeuz, xefa de negociado da Concellería de Igualdade, actuando como secretaria.