Ourense Provincia

Primeiro laboratorio de innovación sobre xestión de residuos

O presidente provincial, Luis Menor, agradeceulle á área de Medio Ambiente da institución provincial esta iniciativa, que resumiu nunha simple frase, pero que é toda unha declaración de intencións: “Reducir, separar e recoller de maneira máis eficiente os residuos para evitar custos innecesarios”.

Óscar Gómez

Ourense |

Primeiro laboratorio de innovación sobre xestión de residuos
Primeiro laboratorio de innovación sobre xestión de residuos | onda cero

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle o primeiro Laboratorio de Innovación sobre Residuos, unha iniciativa na que representantes dos sectores social, económico, educativo, de entidades locais, asociacións profesionais e colectivos dos máis diversos ámbitos terán a oportunidade de achegar solucións creativas e innovadoras á xestión dos residuos.

Tal e como explicou o presidente provincial. Luis Menor, na inauguración deste laboratorio, o obxectivo desta iniciativa resúmese nunha simple frase, pero que é toda unha declaración de intencións: “Reducir, separar e recoller de maneira máis eficiente os residuos para evitar custos innecesarios”. Por este motivo, reuniranse todas aquelas achegas creativas e novidosas que realicen os participantes para mellorar e facer máis eficiente a xestión dos residuos e formarán parte dun documento que servirá de guía para as políticas do goberno da institución provincial nesta materia.

Menor abondou en que dentro dun obxectivo global, que afecta a todo o planeta, “agora toca centrarnos na provincia de Ourense e achegar, desde os máis variados sectores que vostedes representan, as solucións máis eficaces para facer da nosa provincia un territorio competitivo e sostible. Solucións apegadas á terra, dimensionadas ao noso entorno, que teñan en conta a realidade ourensá”, explicando así o propósito marcado desde a Deputación de Ourense e agradecéndolle especialmente o seu traballo á área provincial de Medio Ambiente.

Desde 2022, a lei de residuos obriga aos concellos a buscar fórmulas para xestionar separadamente a materia orgánica, poñendo en marcha medidas tales como a concienciación e sensibilización ambiental ou o chamado “pago por xeración”, é dicir, a aplicación dunha taxa en función da cantidade de residuos que se producen, do mesmo xeito que se aplican as taxas polo consumo de auga.

Precisamente co obxectivo de desenvolver novos modelos de xestión adaptados ao territorio ourensán, a Deputación organiza por primeira vez este laboratorio de innovación, concibido como un encontro onde os participantes se reúnen en mesas de traballo, distribuídos segundo os seus perfís profesionais, para achegar as súas ideas sobre como afrontar o reto da xestión dos residuos.

A busca de solucións á xestión dos residuos orgánicos nas zonas rurais e un obxectivo estratéxico, pois nun territorio co elevado índice de dispersión de poboación que ten Ourense, xéranse uns grandes custos económicos para a súa recollida. Cabe apuntar ademais que un recente estudo realizado pola área de Medio Ambiente da Deputación detectou un cambio de hábitos no rural, que se reflicte nunha redución da compostaxe e o consecuente incremento da chamada “bolsa negra”.

Amplio abano de propostas

Máis aló da visión dos técnicos, o laboratorio permitirá recoller un amplo abano de propostas para o tratamento da materia orgánica que se deposita no contedor marrón, pero tamén o encontro estenderá o seu ámbito a todas as fraccións de residuos que se depositan nos contedores gris (resto), amarelo (envases lixeiros), verde (vidro) e azul (cartón e papel). Ademais de quedar reflectidas nun gran mural, as propostas que formulen e se demostren viables e eficientes formarán parte dun documento que servirá de guía para as políticas de goberno da institución provincial en materia de xestión de residuos, tal e como anunciou o presidente da Deputación na inauguración.

Este primeiro Laboratorio de Innovación xa tivo o seu prólogo o pasado mes de febreiro, cando un grupo de técnicos da Deputación mantivo unha xuntanza para ensaiar este sistema de traballo en conxunto e co fin de propoñer ideas sobre un novo modelo de xestión dos residuos e implicar á poboación.