Economía

Pedro Puy critica a “obstaculización” ás axudas para autónomos e pemes

“Non se entende por que paraliza estas axudas, semellantes ás que se poñen desde outras deputacións ou concellos galegos"

Óscar Gómez

Ourense | 16.06.2020 09:02

Pedro Puy portavoz do Partido Popular
Pedro Puy portavoz do Partido Popular | El progreso

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, lamentou hoxe a “obstaculización” que desde a Subdelegación do Goberno en Ourense se está a facer ás axudas para autónomos e pequenas e medianas empresas dispostas pola Deputación Provincial, “unha cuestión que non se cingue ao criterio de colaboración leal entre institucións que houbo ao longo da pandemia provocada polo coronavirus”.

Pedro Puy sinalou que “todos estamos satisfeitos polo nivel de colaboración institucional que houbo ao longo destes últimos meses para loitar contra o coronavirus, en especial a través do CECOP coa colaboración entre a Administración do Estado e a propia Xunta”.

Porén, lamentou que “agora empezan a aparecer algunhas cuestións que non se cinguen a este criterio de colaboración leal que houbo ao longo de toda a pandemia”. En concreto, referiuse á “obstaculización que se está a poñer desde a Subdelegación do Goberno en Ourense ás axudas que a Deputación Provincial estableceu para apoiar aos autónomos e ás pemes”.

“Son basicamente semellantes a outras que se están a poñer desde outras deputacións ou concellos galegos e españois e non se entende por que precisamente as que establece a Deputación de Ourense son paralizadas pola Subdelegación sen ningunha causa ou motivo xustificable”, sinalou.