Ourense Cidade

O pavillón de deportes dos Remedios reabrirá as súas portas o mércores

O Consello Municipal de Deportes activa dous protocolos para utilizar as instalacións, será necesario rexistrarse e reservar previamente na web https://deportesourense.deporsite.net

Óscar Gómez

Ourense | 08.01.2021 13:25 (Publicado 08.01.2021 08:17)

Pavillón dos Remedios
Pavillón dos Remedios | concello de ourense

O Pavillón Municipal de Deportes dos Remedios reabrirá as súas portas o vindeiro mércores, día 13 de xaneiro, unha vez rematadas as obras de remodelación integral deste equipamento municipal que se desenvolveron durante os últimos meses, por importe de 1,9 millón de euros. O proxecto, que tiña como finalidade acometer unha remodelación profunda, estética e funcional deste equipamento, orixinal do ano 1969, executouse a través dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Ourense e foron financiadas integramente pola Xunta.

O Consello Municipal de Deportes elaborou dous protocolos para a utilización desta infraestrutura municipal, que conlevan importantes novidades para as persoas que utilizan as instalacións, tanto nas reservas como no rexistro de persoas usuarias

Reservas

Co gallo de cumprir os aforos establecidos pola normativa sanitaria en vigor as persoas que desexen utilizar as instalacións do Pavillón dos Remedios deberán efectuar unha reserva previa, a través da web habilitada ó efecto vinculada ao programa de xestión de clientes do Consello Municipal de Deportes. Para reservar, hai que ser aboado/a. As reservas poderán realizarse desde o día 13 de xaneiro.

Abonos

Para os abonos, o Consello Municipal recomenda realizar os trámites de forma telemática, aínda que se algunha persoa o precisa, pode dirixirse ás súas oficinas na Avenida Pardo de Cela, número 2, en horario de atención ao público. Para darse de alta como abonado é preciso rexistrarse en https://deportesourense.deporsite.net Unha vez na plataforma, indicar o tipo de abono que se desexa adquirir e realizar o pago. A tarxeta poderase recoller no pavillón.

As persoas que teñan meses pendentes por consumir do abono do ano 2020, poderán utilizalos comunicándollo ao Consello Municipal de Deportes, a través dun correo electrónico ao enderezo: info@deportesourense.com, onde recibirán as indicacións para rexistrarse no novo sistema. As que tiveron abono nalgún momento, aínda que non estivese activo no momento da declaración do Estado de Alarma, deberán chamar por teléfono ao Pavillón e indicar un correo electrónico ao que se lles enviará un enlace para acceder ao sistema. Todas as persoas interesadas poden consultar os protocolos completos na páxina web do Concello de Ourense