Festival de cine de Ourense

O OUFF convertirase no epicentro do audiovisual galego

O festival acollerá a estrea mundial do filme O home e o can, de Ángel de la Cruz; ou as estreas españolas de O corpo aberto, de Ángeles Huerta; El tirabeque, de Darío Autrán; Kumo Kosa Ta? Recuerdos de Palenque, de Adrián Canoura; ou un pase especial de A mazá de ouro, de Jaime Chávarri.

Óscar Gómez

Ourense | 14.09.2022 12:05

O OUFF convertirase no epicentro do audiovisual galego
O OUFF convertirase no epicentro do audiovisual galego | La Voz de Galicia

O Festival de Cine de Ourense, que se celebrará entre os próximos 23 de setembro e 1 de outubro, sitúase este ano como principal epicentro da creación audiovisual en Galicia, que inaugurará esta edición coa estrea mundial do último filme de Ángel de la Cruz, O home e o can, un drama protagonizado arredor da soidade dos maiores e a crise demográfica do rural protagonizado por Manuel Manquiña. O filme compartirá Sección Oficial con O corpo aberto de Ángeles Huerta, que estreará en España no marco do festival. O OUFF pecharase cun pase especial de A mazá de ouro, a volta á dirección cinematográfica de Jaime Chávarri despois de 17 anos, rodada integramente en Ourense. Chávarri recibirá tamén a Calpurnia de Honra desta edición do festival, e se publicará un volume arredor da súa figura, a cargo do crítico Alberto Abuín, dentro da súa colección MonografíasOUFF.

Tamén haberá lugar para a estrea de El tirabeque, de Darío Autrán, ou para un adianto exclusivo dos work in progress dos últimos filmes rodados en Ourense -13 exorcismos (Jacobo Martínez), Honeymoon (Enrique Otero) ou Amigos hasta la muerte (Javier Veiga)- durante a presentación pública e as actividades organizadas arredor da Ourense Film Commission. Ademais, no marco do festival, o cineasta Xavier Villaverde amosará un breve extracto do seu próximo filme María Casares, la mujer que vivió mil vidas, unha longametraxe que nos achega de xeito íntimo e profundo a esta muller cuxa vida quedou marcada pola Guerra civil e o exilio a Francia.

Panorama Galicia e OUFF en Curto

A sección Panorama Galicia estará conformada nesta edición por filmes nos que se da boa mostra do traballo dun nutrido grupo de creadores e creadoras pertencentes diferentes xeracións e con gran variedade estilística: estrarase en España Kumo Kosa Ta? Recuerdos de Palenque, de Adrian Canoura, pero tamén se pasarán os filmes Onde máis doe (Manane Rodríguez), A cero 5 (Gonzalo Suárez Garayo), Julia (Jacobo Lagüela), 40 años después (Marcos Fernández), Do Miñor ao Plata, os ríos da vida (Xan Leira), Bienvenido Mr. Banksy (Carlos A. Quirós), José Iglesias Fernández: un ilustre ourensán descoñecido (Román Castaño), A virxe roxa (Marcos Nine), Egeria, la primera peregrina (Luis Menéndez), O camiño do viño. Historia de un arrieiro (Xoel Méndez), Cree, crea crece (Pablo Veiga Romero e Aldara Fernandez Servia) e Jacinto (Javi Camino).

Alén disto, nesta 27º edición do festival, o equipo engargado de conformar a selección dos filmes de OUFF en Curto, ademais de garantir unha excelente calidade técnica e artística, buscou acadar profundidade narrativa, innovación, experimentación, a presenza dun estilo propio e intencionalidade. Algo que, sen dúbida, conseguen as pezas de ficción seleccionadas: Sycorax de Lois Patiño e Matías Piñeiro; Rompente, de Eloy Domínguez Serén; Dúas cores, de Cristina Yáñez; Así vendrá la noche, de Ángel Santos; La entrega, de Pedro Díaz; Amanezca, de Lucía Álvarez; Sauerdogs, de Guillermo de Oliveira; Nido, de Alejandro Rodríguez; Devoradora de nenos, de Fran X Rodríguez; e Aura, de The Also Sisters.

Na selección das curtametraxes documentais do OUFF priman nesta edición as propostas daquelas autoras cuxo obxectivo pasa por “falar do que habitualmente non se fala ou do que se fala poco” e de realidades que as veces doen, confunden ou intrigan. O público poderá ver nesta ocasión Anatomía dunha serea, de Adriana Páramo; Nun tempo de horta, de Carmen PG Granxeiro; O que queda, de Alejandro Rodríguez; A cinquito, con derecho a tocar, de NUCBEADE; e El amargo sabor de las naranjas, de Coral Piñeiro, Sara Pisos, Laura Piñeiro, Francisco Rodríguez Casal e Antonio Grunfeld.