Infraestructuras

Obras no CEIP Nosa Señora de Xuvencos no Concello de Boborás

O delegado territorial anunciou a inminente licitación da cuberta do patio do centro escolar por un importe aproximado de 125.000 euros e un prazo de execución de tres meses

Óscar Gómez

Ourense | 25.06.2021 11:53

Obras no CEIP Nosa Señora de Xuvencos no Concello de Boborás
Obras no CEIP Nosa Señora de Xuvencos no Concello de Boborás | onda cero

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado da alcaldesa, Patricia Torres, visitou o CEIP Nosa Señora de Xuvencos no concello de Boborás para anunciar a inminente licitación da cuberta do patio do centro escolar por un importe aproximado de 125.000 euros e un prazo de execución de tres meses.

Trátase dunha infraestrutura de 270 metros cadrados necesaria para que os alumnos poidan desenvolver diferentes actividades sen estar suxeitos ás inclemencias do tempo.

Así mesmo, o delegado territorial explicoulle á directora do centro o contido dunha partida da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de 64.500 euros, prevista dentro dos investimentos con cargo a gastos de funcionamento, para o arranxo dos baños; construirase un aseo en cada aula de Educación Infantil e a reforma integral dos baños da planta baixa, tanto de alumnos como de profesores.

Tamén se contempla a reforma de toda a instalación eléctrica do centro.

O delegado territorial salientou que todas as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte...”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

Arquitectura ao servizo dos proxectos educativos

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia pivota nunha parte académica (con espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo vinculados á transformación dixital e xeradores de inclusión), nunha parte infraestrutural (con espazos máis amplos, saudables e unha maior integración coa contorna) e nunha parte de sustentabilidade acorde coas novas esixencias de eficiencia enerxética e respecto medioambiental.

No que atinxe ás infraestruturas propiamente ditas, as novas reformas, acondicionamentos e construcións seguirán unhas pautas construtivas homoxéneas, cunha identidade corporativa específica, aínda que axustada ás contornas nas que se inxiren, sexan do ámbito rural ou urbano.

A rede de centros de ensino públicos en Galicia está formada por máis de 1.000 colexios e institutos repartidos desde os concellos máis pequenos do rural (con menos de 2.000 habitantes) ata as grandes cidades. De feito, nove de cada dez concellos contan cunha infraestrutura educativa para servizo dos seus cidadáns.