Infraestructuras

As obras do AVE galego mantén os prazos previstos polos técnicos

Os socialistas de Ourense salientan que os traballos avanzaron “a toda velocidade” nos últimos meses.

Óscar Gómez

Ourense |

Obras do AVE | Psoe ourense

Os socialistas da provincia de Ourense destacan o “inaudito compromiso nunca antes visto” dun Goberno central coas obras da liña de alta velocidade (LAV) entre Madrid e Galicia, incluso durante a vixencia do estado de alarma, un traballo “sólido e constante” que permitirá rematar esta obra dentro dos prazos establecidos polos técnicos e coas prestacións máis avanzadas en materia de tecnoloxía ferroviaria.

Desde o PSdeG-PSOE salientan o “robusto pulo” que a infraestrutura está a recibir nos anos de executivo socialista ─tanto no referente ás obras entre Zamora e Ourense como na tramitación do tramo entre Taboadela e a capital ourensá─, fronte aos anos de goberno de Mariano Rajoy “cando as obras foron paradas, os túneles tapiados e os investimentos recortados salvaxemente polo PP, tal e como confirmou o Tribunal de Cuentas nun informe” mentres “a Xunta de Feijóo aplaudía e era cómplice silente daquela desfeita”.

Obras do Ave en Galicia | Psoe ourense
Obras do Ave en Galicia | Psoe ourense

Nos tramos da LAV na provincia ourensá, os traballos avanzaron “a toda velocidade” nos últimos meses, tal e como se comproba nas imaxes que achegamos con esta información e que foron tomadas a pasada fin de semana nas contornas de Tabodela, Vilar de Barrio e A Gudiña. Actualmente están finalizando a instalación da superestrutura, é dicir, carrís, travesas, sinalización ou catenaria. Nalgúns subtramos estas obras xa están rematadas ou en fase moi avanzada debido a que o 72 % do percorrido executouse en vía sobre placa de formigón e non sobre balasto.

Durante estas semanas tamén se procedeu á realización de numerosas probas técnicas que permitirán a posta en servizo este verán do tramo entre Zamora e Pedralba de la Pradería e para a entrada en funcionamento do sistema ERTMS nivel 2 en toda a LAV. Así, por exemplo, os pasados días 23 e 24 de maio, un tren laboratorio executou probas de sinalización entre Madrid-Chamartín e Zamora para a implantación deste nivel 2, o que permitirá incrementar a confortabilidade e a velocidade ate á máxima comercial permitida, así como unha nova rebaixa nos tempos de viaxe de case unha hora.

Igualmente, desde o PSdeG-PSOE destacan o “estímulo tecnolóxico” que recibirá esta liña logo de que Adif Alta Velocidade veña de adxudicar a implantación do sistema Da Vinci entre Pedralba e Ourense, un dos sistemas de xestión máis avanzados do mundo. Da Vinvi integra o control de tráfico centralizado, as comunicacións fixas, Tren-Tierra e GSM-R, sinalización, sistemas de seguridade, planificación e regulación, e telemando de enerxía, o que supón unha importante mellora na xestión e na seguridade.

“Fronte aos recortes brutais que Feijóo aplaudía cando a exministra Ana Pastor tapiaba túneles e instalaba só unha das vías da LAV, os socialistas emendan agora aqueles tesoirazos do PP rematando as obras e implantando a máxima tecnoloxía de xestión e seguridade”, conclúen os socialistas.