A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na clausura do XIII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas, onde agradeceu o seu labor como referentes para consolidar o Camiño de Santiago como unha das rutas de peregrinación máis importante a nivel mundial.
Nava Castro destacou que hai arredor de 350 Asociacións de Amigos do Camiño en todo o mundo, que colaboran co seu traballo na preservación, difusión e mellora das rutas xacobeas. “Dende a Xunta queremos consolidar o Camiño como o que é, algo extraordinario e singular, que supón ademais un gran impulso para a nosa actividade económica e a nosa promoción exterior. Así como para fomentar o establecemento de lazos entre distintas culturas”, indicou a directora de Turismo.
Neste senso, destacou que o Camiño de Santiago, nomeado o primeiro itinerario cultural no ano 1987, fomentou non soamente a recuperación dos diferentes roteiros para alcanzar Santiago, senón que favoreceu e aumentou a actividade económica, a redistribución da renda e a loita contra a despoboación, especialmente nos territorios rurais.
Ademais, destacou as boas cifras de chegada de peregrinos no que vai de ano, xa que logo de pechar o 2022 cun récord histórico de compostelas, a afluencia de peregrinos nestes primeiros meses do ano é aínda maior.
“O Camiño é o mellor exemplo do novo modelo turístico que se demanda hoxe en día: un modelo de turismo sostible, non masificado, en contacto coa natureza e onde tamén prima o turismo cultural. Por iso, dende a Xunta traballamos xa coa vista posta nos vindeiros xacobeos e xa temos aprobado o Plan Director ata 2027 como folla de ruta que guiará as actuacións nas rutas xacobeas ata o próximo Ano Santo”, rematou Nava Castro.