Cooperación

Natureza, deporte e ocio mestúranse no campamento de verán “Explora Ourense” 2021

Organizado pola Deputación de Ourense, preto de medio cento de rapazas e rapaces gozarán en dúas quendas durante o mes de agosto no complexo turístico do Corgo, en Muíños, dun amplo número de actividades, algunhas delas en inglés.

Óscar Gómez

Ourense | 05.07.2021 09:45

Natureza, deporte e ocio mestúranse no campamento de verán “Explora Ourense” 2021
Natureza, deporte e ocio mestúranse no campamento de verán “Explora Ourense” 2021 | onda cero

O complexo turístico do Corgo, en Muíños, converterase por oitavo ano consecutivo no centro das actividades programadas para o campamento de verán “Explora Ourense” 2021, que organiza a Deputación de Ourense en colaboración co Concello de Muiños e a asociación Sustinea. Un proxecto lúdico e educativo do que gozarán preto de medio cento de rapazas e rapaces da provincia durante o mes de agosto. Esta edición do campamento foi presentada no Pazo Provincial polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, e o representante de Sustinea, Paulo Vázquez.

Manuel Baltar destacou nas súas palabras “o éxito dunha iniciativa que referenda a máxima colaboración da Deputación cos programas que, dun xeito lúdico, achegan aos máis novos e á mocidade ourensá os recursos naturais, a cultura e o patrimonio da provincia, e agora en concreto a unha das paraxes máis impresionantes da Baixa Limia”. Plácido Álvarez agradeceu á Deputación o compromiso amosado en todos estes anos “cun campamento de Ourensanía que, pola excelente resposta que ten en cada edición, dinos que vai na boa dirección e ofrecendo cada ano máis e mellores instalacións e servizos”. Paulo Vázquez, pola súa banda, subliñou “o bo ambiente de traballo e diversión que se respira no campamento, tanto que o número de rapazas e rapaces que repiten é moi elevado”.

“Explora Ourense” 2021 reunirá en Muíños durante o mes de agosto a 40 nenas e nenos da provincia con idades de entre 9 e 11 anos na primeira quenda, e de 12 a 14 anos na segunda, con todas as medidas de seguridade fronte á covid-19 mesmo máis aló das normas sanitarias ao incluír un terceiro monitor para facer grupos máis reducidos. Os participantes poderán gozar de un amplo número de actividades, algunhas delas en inglés, relacionadas coa natureza, a náutica, os deportes, a arte, teatro, contacontos, baile ou actividades nocturnas, ademais dun amplo abano de xogos.

O prazo de inscrición permanecerá aberto do 5 ao 13 de xullo e as follas de solicitude estarán a disposición dos interesados na web da Deputación, sendo o sorteo das prazas o martes día 16.