Piragúismo

Muiños acolle o campionato de España de media maratón de piragüismo

As probas contan con 768 deportistas inscritos, pertencentes a 72 clubs de 14 comunidades autónomas. A Federación Galega e o Concello de Muíños destacan o retorno económico, con prazas hoteleiras e de restauración ocupadas en toda a comarca.

Óscar Gómez

Ourense | 24.04.2023 13:40

Muiños acolle o campionato de España de media maratón de piragüismo
Muiños acolle o campionato de España de media maratón de piragüismo | La Voz de Galicia

O encoro das Conchas, en Muíños, acolle este fin de semana -28, 29 e 30 de abril- o Campionato de España de media maratón de piragüismo e o Campionato de España de media maratón de piragüismo en categoría máster, citas que contan co apoio da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia cun total de 768 deportistas inscritos.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou no Pazo Provincial os detalles da proba xunto ao alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; o delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; e o presidente da Federación Galega de Piragüismo (FGP), Alfredo Bea.

Esta proba é a proba estrela do Xurés Experience, un programa deportivo no que participan os cinco concellos da Baixa Limia e que inclúe medio centenar de actividades. Dende a Federación Galega e o Concello de Muíños destacan o retorno económico da proba, cunha altísima ocupación de prazas hoteleiras e de restauración reservadas en establecementos de toda a comarca.

72 clubs de 14 comunidades autónomas

Muíños transformarase este fin de semana no centro do piragüismo de España, xa que no campionato participarán 768 deportistas de 72 clubs procedentes de 14 comunidades autónomas. As probas disputaranse en categoría cadete, junior, senior, veterán e paracanoe.

Este certame deportivo, que terá lugar nunha contorna que conta cunha gran calidade de láminas de auga, realízase no marco do traballo conxunto e continuo existente entre o Concello de Muíños e a Federación Galega de Piragüismo, apoiado pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.