A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou a concesión de achegas por un investimento próximo a 1 millón de euros en subvencións a unha vintena de concellos, entidades económicas, sociais e deportivas, dentro dunha orde do día na que tamén figuraba a aprobación das bases do XVIII premio de narración e ilustración Pura e Dora Vázquez.
No ámbito de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou as seguintes achegas: ao Concello de Barbadás, 200.000 euros con destino á rexeneración do firme na avenida de Celanova da Valenzá; ao Concello do Barco de Valdeorras, 115.000 euros para arranxos no campo de fútbol; a Castrelo de Miño, 48.000 euros para a adquisición dunha nave de uso municipal; Castrelo do Val, 48.000 euros para a construción dunha nave de maquinaria municipal; Cortedaga, 15.000 euros para un documental sobre o camiño Miñoto-Ribeiro; Leiro, preto de 92.700 euros para as obras de humanización da rúa Casanova; A Merca, case 34.500 euros para o asfaltado en varios núcleos de poboación; e Montederramo, 12.500 euros para a adquisición de maquinaria municipal.
O Concello de Padrenda recibe tres axudas de 48.000 euros cada unha delas para o acondicionamento da contorna do campo da festa de Monterredondo, a mellora do complexo deportivo de Bandexa e as obras de saneamento en Ferreiros-Os Campos. O Concello de Piñor contará con 12.000 euros para o V Rally Mix; A Rúa disporá de 48.000 euros para a reparación do acceso ao Barranco Rubio; San Cristovo de Cea, 20.000 euros para o plan de dixitalización do concello; Trasmiras, máis de 13.500 euros para un axente de emprego e desenvolvemento local; Vilamarín, 48.000 euros para a mellora da pista de Portamieiro a Rozadas; Xunqueira de Espadanedo 30.000 euros para gastos de funcionamento do Museo Taller de Olería de Niñodaguia; e pouco máis de 186.600 euros ao Concello do Carballiño para a renovación das instalacións do campo de fútbol de Espiñedo.
Aínda no apartado de cooperación, a Asociación Agallas disporá de 15.000 euros para colaborar na xestión da rede provincial de centros de acollida de animais abandonados; Expourense contará con 30.000 euros para o Congreso Ibérico de Turismo Deportivo (Sportur); e a entidade Marmar Outdoor recibirá 60.000 euros para o Raid-Gallaecia, do campionato do mundo de carreira de aventura.
Premios de narración e ilustración
No capítulo cultural, a Xunta de Goberno aprobou as bases do XVIII premio de narración e ilustración Pura e Dora Vázquez, dotado con 1.500 euros en cada unha das dúas modalidades. Polo que respecta á narración, a temática será libre, aínda que adaptada ao público infantil e xuvenil, con textos en lingua galega, inéditos e totalmente orixinais. O prazo de presentación de traballos rematará o 15 de xullo. No referido á modalidade de ilustración, estas terán como referencia a narración premiada, e con este fin o prazo de presentación de orixinais, non menos de dez, aínda rematará o 30 de setembro.
[[H3:]]
Comisión de seguimento da COVID19
Trala Xuta de Goberno celebrouse a reunión do Comité de seguimento da COVID-19, cuxas convocatorias son agora de carácter quincenal, para actualizar os datos sobre a pandemia na provincia e sobre o teletraballo que se desenvolve nos distintos centros, instalacións e servizos da Deputación de Ourense.