Memoria Vermella

Memoria Vermella: iniciativa para manter viva a lembranza a CD Ourense

Memoria Vermella ten o obxectivo de que se respete a historia do fútbol en Ourense

Onda Cero Ourense

Ourense | 04.11.2022 11:17

Memoria Vermella ten o obxectivo de que se respete a historia do fútbol en Ourense
O vermello non é unha cor, é un sentimento

O campo de O Couto, de titularidade da Xunta de Galicia, está en obras desde hai unhos meses causando preocupación e mesmo indignación en gran parte da histórica afición de Club Deportivo Ourense aglutinada ahora maioritariamente na Unión Deportiva Ourense.

Motivos de discordia polas obras no campo de O Couto

A principal discrepancia é a eliminación na práctica dos símbolos que representaron a CD Ourense durante practicamente toda a historia do fútbol en Ourense:

  • A cor das butacas: durante moitos anos as butacas do campo de O Couto foron de cor vermella e azul, as cores históricas do fútbol en Ourense. Coa actual reforma o vermello practicamente desaparece do Couto
  • Monolito homenaxe a Club Deportivo Ourense: destruído por motivo das obras aínda que se supón que será reparado
  • Mural do "superman" na entrada do campo de O Couto: unha parte do mural foi derruída, aínda queda a imaxe de o Superman pero pode correr a mesma sorte.

Os seguidores ourensanistas agrupados na plataforma "Memoria Vermella" van a realizar unha serie de actos con motivo do partido que enfrentará ó Ourense co Somozas o sábado 5 de novembro no campo de O Couto a partir das 19:00 horas e coa reivindicación da cor vermella cómo protagonista.

A UD Ourense apoiou nas súas redes sociais as actividades de Memoria Vermella

Comunicado de Memoria Vermella

Ao longo dos últimos meses, vimos de comprobar como as obras, que está a levar cabo a Xunta de Galicia no estadio do Couto, estanse convertendo na escusa perfecta para eliminar por completo o legado e a memoria de Club Deportivo Ourense, referente do fútbol na cidade e provincia durante os seus 62 anos de vida.

O que parecía que sería un proxecto para lavar a cara do noso estadio e mellorar as condicións e accesibilidade do mesmo, converteuse nunha obra que busca borrar por completo calquera referencia a Club Deportivo Ourense, e o que é máis grave, eliminar do estadio a cor vermella, identificativa do club, dos seareiros e seareiras e da cidade de Ourense.

Primeiro optaron por eliminar a cor vermella das bancadas, coa instalación de cadeiras de cor azul, unha nova artimaña coa que trataban de borrar toda referencia a Club Deportivo Ourense, buque insignia da cidade e da provincia dende 1952, ano do seu nacemento, e ata 2014, ano da súa tráxica defunción. A presión popular levou a Xunta de Galicia a recuar e a ter que aceptar a instalación de cadeiras vermellas, máis polo visto no estadio, non se realizará da forma axeitada, senón que se situarán por filas aleatorias, sen seguir ningún patrón e amosando que a estética do estadio e das cores dálles exactamente igual.

O vermello representa o pasado, o presente e o futuro do fútbol da nosa cidade. Trátase da cor de referencia do fútbol ourensán, coa que nos identifican por todo o territorio nacional e que é o símbolo inequívoco dos nosos alicerces, a nosa sinal de identidade e parte da vida e da historia do ourensanismo. Falar de Ourense e do fútbol ourensán e falar da cor vermella, polo que non entendemos esta animadversión cara estas cores.

Non contentos con tratar de eliminar as cores vermellas, agora optaron tamén por destruír o mural homenaxe a Club Deportivo Ourense, presente na entrada ao estadio do Couto e que todo aquel e toda aquela que visitaba o templo do fútbol ourensán podía contemplar no seu máximo esplendor. O “superman”, co escudo de CD Ourense, é outro dos elementos característicos e de lembranza do club dos nosos amores, pero agora decidiron rachar o muro, e posiblemente en próximas datas acabará por desaparecer por completo debaixo dunha capa de pintura.

A isto tamén podemos sumar a destrución do monolito homenaxe a Club Deportivo Ourense e que se atopaba a carón da entrada a vestiarios. Non sabemos se foi destruído a conciencia ou por mor dun erro, pero consideramos que alguén debería saír a dar explicacións públicas e a afirmar se arranxarán este desperfecto causado durante as obras de reforma.

Os seareiros, as seareiras e os e as simpatizantes de Club Deportivo Ourense non imos permanecer impasibles namentres se atenta contra a historia do fútbol en Ourense. Por este motivo, decidimos organizarnos, co obxectivo de loitar e defender o legado e a historia do club dos nosos amores. Club Deportivo Ourense foi parte da nosa vida dende que eramos cativos e cativas, foi o nexo de unión de todos e todas nós, símbolo da nosa cidade e un exemplo de como defender a mesma en cada encontro e en cada partido tanto no Couto, como lonxe da casa. Club Deportivo Ourense serviu para forxar grandes amizades, incluso algún matrimonio, era a forza da nosa unión, un sentimento profundo no noso corazón que nos levaba cada domingo a xuntarnos e desfrutar unidos das nosas cores, o noso club e dun sentimento eterno, o do ourensanismo.

Consideramos que as últimas actuacións levadas a cabo no estadio do Couto deixan en evidencia que alguén quere rematar de golpe e plumazo co legado, a memoria e a historia de Club Deportivo Ourense. Non o imos permitir. Por iso, decidimos dar este paso, para defender a nosa historia, para loitar e reivindicar as cores vermellas e para dicirlles a aqueles que están detrás deste atentado, que non imos permitir este tipo de actuacións. A memoria é a historia do noso club e xamais nola poderán arrebatar. Loitaremos nas bancadas, loitaremos nas rúas, loitaremos diante das institucións e loitaremos onde faga falta, ata o último dos nosos folgos para que a memoria e o legado de CD Ourense siga vivo.

CD Ourense morreu en 2014, pero das súas cinzas xurdiu un novo proxecto, que viu a luz cunha filosofía clara, lembrar e homenaxear a ese club que tantas ledicias e tardes de gloria nos deu sobre o céspede do Couto e en tantos outros campos polos que pasou. Un club que segue vivo na nosa memoria, unhas cores que seguen a ser as nosas e un sentimento que pasa de xeración en xeración e que xamais ninguén poderá erradicar.

Ante estas circunstancias, instamos a todos aqueles e a todas aquelas que vibrastes, amastes, desfrutastes e defendestes as cores vermellas, a que vos sumedes a esta iniciativa. Defendamos a memoria de CD Ourense, honremos a súa historia e nunca esquezamos que o vermello é a cor do noso corazón e do ourensanismo. Con este comunicado comeza unha campaña coa que queremos sensibilizar á veciñanza de Ourense da situación e coa que buscamos que as forzas vivas da cidade se unan para defender o noso legado e a nosa historia contra os atropelos que estamos a sufrir. Se nós non defendemos o noso, se nós non alzamos a voz, ninguén o vai facer.

Seguiremos loitando porque se respecte a nosa historia, as nosas cores e porque os titulares do estadio do Couto non destrúan o noso pasado. Pos iso, facemos este chamamento, para que conservemos a MEMORIA VERMELLA e para que lles lembremos aos que están tras estas argucias que O VERMELLO NON É UNHA COR, É UN SENTIMENTO.

Memoria Vermella
Memoria Vermella | Onda Cero Ourense

A iniciativa "Memoria Vermella" en Redes Sociais

Moitas máis son as reaccións da afección do Ourense, sólo hai que seguir a etiqueta #MemoriaVermella nas principais redes sociais