Foro Económico Español

Manuel Baltar resalta que “Ourense está máis que preparada para rentabilizar a Alta Velocidade”

O presidente da Deputación destaca no encontro “La Galicia que viene” o traballo a longo prazo executado polo seu goberno para potenciar os mellores activos de Ourense

Óscar Gómez

Ourense | 10.05.2022 19:22

Manuel Baltar resalta que “Ourense está máis que preparada para rentabilizar a Alta Velocidade”
Manuel Baltar resalta que “Ourense está máis que preparada para rentabilizar a Alta Velocidade” | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, interveu na A Coruña no Foro Económico Español “La Galicia que viene”. No seu relatorio neste foro, celebrado en Palexco e organizado por El Español, Invertia, Quincemil e Treintayseis, Baltar desgranou as liñas clave da súa xestión e os proxectos estratéxicos que asoman no horizonte da provincia, como seguir avanzando na rentabilización do AVE.

Na súa intervención, moderada polo subdirector de Invertia, Arturo Criado, o presidente da Deputación sinalou a importancia da cooperación interadministrativa: “É vital. Por suposto, temos unha excelente relación coa Xunta de Galicia. Pero tamén traballamos nesa liña co Estado e Europa. Para conseguir retos importantes, avanzados no Plan de mandato co que nos presentamos ás eleccións e que reflexan medidas concretas. Proxectos como a posta en marcha do Centro Galego de Innovación da FP, que estará en Ourense, froito da unión coa Xunta. Ou cuestións como a conversión do Pazo Provincial no Gran Balneario. Precisamente a semana pasada fun reelexido como presidente da European Historic Thermal Towns Association (EHTTA), e agora temos o plus da conectividade con Madrid”.

Manuel Baltar puxo o acento na importancia da chegada do AVE: “Supón todo. A situación de saberse tan cerca de Madrid e ese reforzo á conexión coas grandes capitais. Por exemplo, o sábado pasado recollín o premio da Cultura Galega ao mosteiro de San Pedro de Rocas, unha auténtica xoia da Ribeira Sacra. Pois está a so dúas horas e media do centro de Madrid. Unha liña mestra da acción pública deste goberno provincial foi preparar a provincia para a chegada do AVE. Ourense está máis que preparada para rentabilizar a Alta Velocidade: o termalismo, o viño, a Ribeira Sacra, os parques naturais, o Entroido, a cultura e a herdanza de Nós… son pezas dun puzle que estamos encaixando”.

Nesta liña, o presidente da Deputación lembrou no Foro Económico Español que, pese a pandemia, Ourense está obtendo cifras de visitantes e pernoctacións. “Da man da colaboración público-privada -unha das claves do noso éxito- e con eventos organizados pola Deputación tan importantes como a exposición ‘In Tempore Sueborum’ ou agora a dos Beatles, que é a máis importante nunca feita en España”. Ou apostas, explicou, coma a ICC Week ou transformación da provincia nun plató audiovisual, “portas fundamentais para reforzar a visibilidade do territorio, que tamén se apoia no AVE”.

Manuel Baltar e Arturo Criado
Manuel Baltar e Arturo Criado | onda cero

Reivindicación da xestión pública e as administracións locais

Manuel Baltar sinalou que a política “é para aqueles que teñen acreditado xestión, vocación, compromiso e formación: un euro público é sagrado” antes de defender a importancia das administracións locais: “Son as máis rápidas e operativas. Somos administracións totalmente alineadas cos requerimentos do século XXI”. O presidente da Deputación lembrou que o goberno provincial que lidera acadou xa fai cinco anos a débeda cero, aproba os orzamentos anuais antes que calquera outra administración pública europea e lidera os apartados de transparencia de todos os gobernos provinciais de España.

No horizonte dos Next Generation, destacou que a Deputación foi o primeiro goberno provincial en aprobar unha estratexia específica para os fondos de recuperación e do marco financeiro plurianual. E agora, sinala, é momento da xestión por parte do Goberno central: “Levamos moito tempo con titulares e pouca xestión… eu son partidario do traballo. Temos 17 proxectos pensados para transformar a provincia, especialmente enfocados aos concellos de menos de 5.000 habitantes. As deputacións somos elementos clave para representar ás economías de escala de todos estes concellos. Temos esperanzas na secretaría de Estado de Reto Demográfico. As provincias non somos simples circunscricións electorais”.

Reto demográfico e financiación local

O presidente da Deputación reivindicou tamén a calidade de vida de Ourense, definindo o reto demográfico como un problema de toda Europa. “A demografía e a dixitalización van unidas, como comprobamos na pandemia. A conectividade e a dixitalización deberían estar xa consideradas como dereitos constitucionais”, analizou Manuel Baltar, situando neste horizonte a importancia de impulsar eventos coma a Ourense Mobile Week, a única experiencia a nivel provincial da Mobile World Capital Barcelona.

Preguntado sobre a financiación local, Manuel Baltar recalcou que a reforma da financiación autonómica e das entidades locais debe ser paralela: “Debemos ter o máximo respecto polas competencias máis próximas aos veciños. Sendo os menores xeradores de déficit, esta reivindicación é xusta, son cuestións reais. Os xestores públicos temos que estar no día a día”.

No Foro Económico Español “La Galicia que viene” participaron hoxe e onte en Palexco representantes da vida pública galega coma o vicepresidente segundo da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía en funcións, Francisco Conde; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; ou as alcaldesas da Coruña e Lugo, Inés Rey e Lara Méndez, ademais de representantes de universidades e empresas.