O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de ser elixido por unanimidade presidente do Foro Termal do Eixo Atlántico, unha rede de colaboración creada baixo a coordinación do Eixo Atlántico, o lobby de cooperación transfronteiriza máis importante entre España e Portugal, integrado por 39 entidades que representan a provincias, concellos e cámaras municipais de ámbolos dous países.
O Foro Termal ten como obxectivo promocionar e impulsar o recoñecemento público do termalismo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a nivel nacional e internacional, a través dunha estratexia conxunta das catorce entidades locais que o integran. A promoción e a posta en valor do termalismo e da cultura e o patrimonio termal da eurorrexión, así como o intercambio de boas prácticas e a participación conxunta en proxectos e iniciativas que posibiliten e contribúan á promoción do sector, están na base do traballo do Foro Termal, así como o estímulo da economía dos municipios termais que supón, en consecuencia, un estímulo para a economía de toda a Eurorrexión. Esta rede de colaboración, baixo a coordinación do Eixo Atlántico, busca tamén o reforzo da posta en común de experiencias e coñecemento no eido termal, así como promover o desenvolvemento de novas competencias, informacións e resultados.
Manuel Baltar achegará ao Foro Termal a súa experiencia como presidente da maior asociación termal mundial de ámbito público, a EHTTA (Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa), que engloba a 51 lugares termais de 18 países. Este nomeamento chega días despois de que a Deputación de Ourense pasase a formar parte do Eixo Atlántico, incorporación que se fixo efectiva na asemblea xeral do Eixo Atlántico, “o que supón para Ourense un excelente posicionamento e unha magnífica oportunidade para desenvolver proxectos europeos de cooperación interterritorial”, afirmou Manuel Baltar.
O nomeamento de Manuel Baltar como presidente do Foro Termal tivo lugar na reunión telemática celebrada días pasados, xuntanza na que Baltar afirmou o seu compromiso de seguir impulsando o termalismo na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nos vindeiros anos mediante o traballo de desenvolvemento conxunto nas catorce entidades locais que o integran.
Baltar destacou a cooperación como “estratexia fundamental do termalismo en Europa”, e neste sentido dixo que imos compartir co Foro “toda a información que temos na rede termal europea da EHTTA, que ten a consideración de itinerario cultural do Consello de Europa, e que esta asociación, a EHTTA, coa incorporación de máis membros, seguirá ampliando obxectivos e facendo un gran traballo termal; eu comprométome a iso”, expresou Manuel Baltar.
Momento de innovar
O presidente da Deputación de Ourense dixo que este “é un bo momento para innovar da man do termalismo”, e puxo como exemplo o “Termalismo deportivo” que vén desenvolvendo o goberno provincial ourensán ao redor dos concellos de Cenlle, Arnoia e Castrelo do Miño, cos respectivos balnearios de Laias, Arnoia e co parque náutico de Galicia, contornas nas que adestran e preparan campionatos seleccións de remo e piragüismo de moitos países”.
Baltar comparte o concepto de Xoán Vázquez Mao de impulsar “o turismo de autor”, “a chegada aos nosos territorios termais de turistas con criterio e con esixencias que nos fagan avanzar nese “lavel” de calidade que teñen as instalacións balnearias e que as distinguen de calquera outra oferta turística”, e dixo que neste momento “temos que estar atentos a calquera vangarda, de aí ese enlace que me comprometo a impulsar entre o Foro Termal e a asociación termal europea EHTTA, e tamén achegar a colaboración do Inorde por medio do novo impulso que lle vai dar a nova directora xerente deste organismo, Emma González, quen desde Expourense viña organizando a única feira internacional de termalismo do mundo, Termatalia, certame que se fai desde Ourense.
Manuel Baltar destacou que nesa estratexia de impulso termal “estamos a propoñer desde a EHTTA a creación do “Día Mundial do Termalismo”, “porque a auga é vida, pero o termalismo é saúde, e todas as iniciativas que desenvolvamos neste ámbito contribuirán a dar maior visibilidade a riqueza económica, social e turística que supón o feito termal”, afirma, engadindo que o Foro Termal “é un elemento multiplicador desde o Eixo Atlántico, e eu comprométome co apoio de todos, con esa labor en equipo, a acadar logros importantes para o noso termalismo”.
Na reunión, os membros do Foro Termal abordaron tamén a participación na VI edición de Expocidades, que se celebrará no último cuadrimestre do ano en Valongo (Portugal) e contará cun stand propio centrado no termalismo das localidades do Foro que non forman parte do Eixo. En Expocidades divulgarase tamén a Guía Termal do Eixo Atlántico, que verá a luz en primavera-verán e que dará cabida a establecementos e contornas termais de Galicia e o Norte de Portugal, así como da historia, patrimonio, aloxamentos e puntos de interese turístico das entidades locais do Foro Termal: Caldas de Reis, O Carballiño, Carballo, Deputación de Lugo, Deputación de Ourense, Lugo, Ourense, Ponteareas (Mondariz e Salvaterra de Miño) en Galicia; e Amarante, Guimarães, Santa Maria da Feira, Vila Pouca de Aguiar, Vizela e Terras de Bouro no Norte de Portugal.
De cara aos vindeiros meses, e se a situación sanitaria así o permite, o Foro Termal organizará o primeiro Seminario de Intercambio de Experiencias centrado no termalismo, que terá lugar na localidade portuguesa de Vizela, onde os seus integrantes compartirán visións con expertos en termalismo e turismo da saúde, dividido en tres bloques principais: marco Europeo, prestando atención a accións da Comisión Europea e da EHTA; Turismo de Saúde, e Relanzamento do sector termal post-Covid.