A Deputación de Ourense, subliñou, é a máis transparente dos 52 gobernos provinciais de España, “liderando desde hai anos unha clasificación que se revisa cada segundo en función de 184 indicadores que determinan obxectivamente que administración cumpre e cal non”. Ademais, destacou, existe unha clasificación de presidentes de gobernos provinciais máis transparentes, ránking que lidera o propio Manuel Baltar, que xustificou este liderado no feito de que “non debemos ter medo a expoñer nada”, pero coa debida cautela á hora de manexar información privada de cidadáns ou empresas. Así, engadiu, “as administracións públicas ou son transparentes ou non son administracións públicas”, pois deben compartir toda a información que manexan pero cos necesarios límites que impón a lei”.
Manuel Baltar afirmou que a institución provincial ourensá seguirá a ser un membro activo da Fundación Democracia y Goberno Local, “sen dúbida o think-tank máis importante do mundo local español”, sendo referencia para outros gobernos a través de iniciativas como a creación dun área de Transparencia e bo goberno, a primeira en constituírse en España.
“Non todas as administracións seguen o modelo da Deputación de Ourense”, destacou pola súa banda Alfredo Galán, “pois aínda que defenden a transparencia non sempre traballan para facela efectiva”. Con todo, explicou, cómpre “redimensionar as esixencias da transparencia nun marco xurídico razoable e sen sacrificios desmesurados doutros valores protexidos”
A transparencia xa non é unha novidade, dixo, pois existe “unha cantidade inxente de estudos sobre esta cuestión, incluída xa na axenda política, ten un regulamento normativo cada vez máis denso, con abondosa xurisprudencia difícil de manexar e moitos órganos especializados para garantir o acceso á información pública”. Pero se enfronta a novos retos que xustifican este tipo de xornadas “como a integridade en todos os ámbitos, pero especialmente na contratación pública, a transparencia na administración dixital, na xestión dos fondos de recuperación e o labor de asistencia das deputacións ás administracións locais máis pequenas”.
A xornada celebradas esta mañá no centro cultural da Deputación coinciden co 20 aniversario da Fundación Democracia y Goberno Local, entidade que naceu para impulsar o estudo e maila investigación de temas de interese local, entre os que se atopa a transparencia e o bo goberno. Nesta liña e tralo acto de apertura presentouse o Anuario de Transparencia Local 2021, a cargo do seu director Ramón Camp i Batalla, que defendeu a relevancia desta publicación “como ferramenta para a consecución dunha maior transparencia, sendo de gran utilidade para as administracións dende o seu nacemento en 2017”. No documento presentado, dixo, destacan, dous estudos: un sobre o equilibrio necesario entre a transparencia e a confidencialidade dos informes e documentos e outro sobre unha proposta de mellora da lei estatal de transparencia.
Conferencias e mesa redonda sobre prácticas de transparencia
A xornada incluíu relatorios sobre a transparencia na contratación pública e na administración electrónica, a cargo dos catedráticos de Dereito Administrativo das universidades de Zaragoza e Oberta de Catalunya, José María Gimeno e Agustí Cerrillo, respectivamente, mentres que o tamén catedrático de Ciencia política da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, Manuel Villoria, abordou as prácticas do bo goberno. Ademais, unha mesa redonda analizou as boas prácticas no ámbito local, coa participación do coordinador do Grupos de Datos Abertos da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Roberto Magro, e o primeiro executivo da firma SmartGov, actuando como moderador o director da área de Transparencia da Deputación de Ourense, Fernando Suárez.