Agrogandeiro

O Inorde e Neiker colaboran na investigación de futuras variedades de pataca

Esta alianza de colaboración entre o Inorde e Neiker é unha das moitas que establece este organismo autónomo para fomentar sinerxías entre os distintos centros de investigación e desenvolvemento agrario.

Óscar Gómez

Ourense | 20.10.2021 09:45

 O Inorde e Neiker colaboran na investigación de futuras variedades de pataca
O Inorde e Neiker colaboran na investigación de futuras variedades de pataca | onda cero

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde leva máis de 10 anos a colaborar con NEIKER (Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario) en relación co cultivo da pataca. Neiker é o único organismo que, a día de hoxe, realiza investigacións a prol do desenvolvemento de novas variedades de pataca en España e, o Inorde, colabora con eles para formar parte da súa rede exterior de campos de ensaio nos que testar os clons candidatos a ser novas variedades de pataca nun futuro próximo.

Por elo, co obxectivo de recoller datos en colleita, desprazáronse ata a finca Antela dous investigadores da talla de Enrique Ritter e José Ignacio Ruiz de Galarreta, ámbolos dous son profesionais importantes no mundo da investigación agrícola tanto a nivel nacional como mundial. Tras recoller as mostras de campo, a partir de agora levarase a cabo un importante traballo en almacén (calibrado e clasificación) e en laboratorio (análise de calidade) para extraer conclusións en relación á viabilidade das futuras variedades de pataca.

Esta alianza de colaboración entre o Inorde e Neiker é unha das moitas que establece este organismo autónomo dependente da Deputación de Ourense para fomentar sinerxías entre os distintos centros de investigación e desenvolvemento agrario dentro de cada unha das singularidades que ofrecen os distintos territorios, co fin de impulsar protocolos de actuación conxuntos fronte a ameazas presentes e futuras.