Paro Galicia

Galicia é a terceira comunidade coa menor subida do paro na comparativa anual

Pese ao aumento do paro, Galicia conta con 4.157 desempregados menos que ao inicio do impacto da pandemia

Óscar Gómez

Ourense | 02.12.2020 13:52

Galicia é a terceira comunidade coa menor subida do paro na comparativa anual
Galicia é a terceira comunidade coa menor subida do paro na comparativa anual | onda cero

Galicia situouse como a terceira comunidade na que menos subiu o paro con respecto a novembro de 2019. A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou os datos do paro rexistrado destacando que o desemprego aumentou en todas as comunidades na evolución anual e que o incremento rexistrado en Galicia (13,17%) é máis de sete puntos inferior á media de subida do Estado (20,42%).

Lado apuntou, ademais, que pese a que a pandemia está a impactar no mercado laboral galego, Galicia conta con 4.157 parados menos que ao inicio do impacto da covid-19. É dicir, con respecto a abril de 2020, cando se rexistrou a cifra máis alta de paro, marcando o impacto inicial da crise sanitaria, hai un descenso do -2,17%. A directora xeral tamén indicou que Galicia continúa en niveis de paro inferiores aos de hai 11 anos (novembro de 2009), pese ao aumento do 13,17% rexistrado, xa que o incremento en novembro de 2009 foi do 19,91%. En canto aos datos de afiliacións, Galicia continúa con máis dun millón de cotizacións á Seguridade Social, situándose a un nivel superior ao reflectido hai dez anos.

Na comparativa mensual -o paro creceu un 3,40% con respecto a outubro- apuntou que o desemprego vén aumentando en novembro desde 1996, a serie histórica de datos, polo que o crecemento producido segue a tendencia rexistrada desde ese ano e, pese á covid-19, o incremento é “moi inferior” á media rexistrada entre 2008 e 2012, os anos da crise económica. Engadiu, ademais, que a subida débese principalmente ao peche parcial por recomendación sanitaria da hostalaría e á limitación perimetral.

Para facer fronte a estes datos e loitar contra a pandemia, Lado destacou que a Consellería de Emprego e Igualdade conta cuns orzamentos centrados en recuperar o antes posible o emprego que está a destruír a crise sanitaria. “Son uns orzamentos para loitar contra a pandemia e construír a mellor Galicia posible con máis oportunidades laborais”, afirmou.

Así, o presuposto do departamento autonómico conta con 355 millóns de euros, un 32% máis con respecto aos de 2020, duplicando a subida xeral dos orzamentos da Xunta e situándose como o máis alto de toda a serie histórica nestas áreas para facer fronte á covid-19. “O reto principal é crear e manter a actividade económica, promovendo a igualdade de oportunidades. É un orzamento centrado nas persoas, cun apoio relevante nos desempregados e desempregadas e co foco posto na realidade de Galicia, no actual contexto socioeconómico xerado pola crise sanitaria para dar resposta a esta nova circunstancia”, matizou.

Un dos novos retos do documento económico é a creación dun novo Servizo Público de Emprego coa posta en marcha dun renovado sistema operativo para identificar, a través da intelixencia artificial e da analítica avanzada, as necesidades do mercado laboral en tempo real para axustar a oferta á demanda. “Son unhas contas para facer fronte ao impacto que está a xerar a pandemia nas familias e nos nosas traballadoras e traballadores”, rematou.