Galicia consolida a súa tendencia a baixa nos datos do paro
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou a evolución do paro en xuño, no que a Comunidade reduce o paro un 3,36%, mentres que sobe a nivel estatal
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou esta mañá os datos de paro rexistrado en xuño, estatísticas que reflicten que Galicia logra consolidar a tendencia positiva de maio e, tras os aumentos de desemprego de marzo e abril, a Comunidade logra encadear dous meses consecutivos de descenso grazas á súa capacidade de anticipación e á súa estabilidade política e económica.
Así, Galicia diminúe o paro en xuño un 3,36% con respecto ao mes de maio, o que supón 6428 desempregados menos e segue situándose a niveis inferiores aos de hai 11 anos. Este dato posiciona Galicia como a Comunidade na que máis descende o desemprego en termos absolutos, mentres que ascende lixeiramente -un 0,13%- no conxunto do Estado. O paro tamén baixou nas catro provincias, en concreto un 4,90% en Pontevedra, un 2,66% en Ourense, un 2,50% na Coruña e 1,50% en Lugo. Galicia volve reducir as cifras do paro en todos os sectores de actividade encabezando este descenso a construción (-5,96%), seguida dos servizos (-3,91%), a industria (-3,68%) e a agricultura e a pesca (-0,33%).
Este mes subiu de novo a contratación un 76,25% grazas á sinatura de 23.541 contratos máis que en maio. En canto ás afiliacións, medran o 1,05% e suman 10.268 cotizantes á Seguridade Social ata chegar aos 986.642, o que sitúa Galicia como a terceira comunidade que máis emprego crea en termos absolutos.
No tocante á evolución anual, Toca indicou que Galicia encadeaba seis anos consecutivos de baixadas interanuais nun mes de xuño, que se ven interrompidos polos efectos da covid-19. Así, Galicia suma 29.405 persoas máis desempregadas (un 18,94% máis que hai un ano), preto de 8 de cada 10 do sector servizos, onde se concentran 23.279 desempregados. O paro sobe en xeral en todas as comunidades autónomas situándose o crecemento da media nacional no 28,09%, é dicir, 9,15 puntos máis que en Galicia.
Axenda de emprego
Toca destacou que o contexto actual exixe adaptarse e redefinir as medidas que a Administración deseña en materia laboral. Por este motivo, o Consello da Xunta aprobou a nova Axenda de Emprego que recolle medidas adaptadas á situación derivada da crise da covid-19, co obxectivo de recuperar, o máis axiña posible, o mercado laboral galego e que se complementan coas medidas do Plan de reactivación económica.
É o caso das axudas que se acaban de activar para complementar as prestacións de menor contía de traballadores afectados por Ertes por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción e para persoas a partir de 55 anos que perderon o seu emprego.