Cooperación

Gadis entrega 109.808 quilos de productos a once bancos de alimentos

A empresa recolleu máis de 1,3 millóns de quilos de alimentos desde que en 2013 puxo en marcha esta campaña.

Óscar Gómez

Ourense | 15.06.2022 10:37

Gadis entrega 109.808 quilos de productos a once bancos de alimentos
Gadis entrega 109.808 quilos de productos a once bancos de alimentos | onda cero

Supermercados Gadis, compañía 100% galega e líder de distribución na comunidade, culminou o seu 10º Maio Solidario coa recollida de 109.808 quilos de produtos non perecedoiros e a recadación de 48.386 euros para entregar a once bancos de alimentos. Esta axuda chegará a máis de 100.000 persoas en situación de vulnerabilidade.

Colaborar coa súa contorna a nivel económico e social é un dos obxectivos desta acción, que forma parte do programa de Responsabilidade Social Corporativa de GADISA retail. A xenerosidade dos clientes foi clave para recoller 79.808 quilos de produtos que, sumados á achega adicional da empresa, permitiron alcanzar a cifra de 109.808 quilos. Este ano a campaña desenvolveuse entre o 2 e o 29 de maio.

O Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial) -A Coruña, Ferrol e Santiago- e os bancos de Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Valladolid e Zamora xa comezaron a recibir os produtos. Encargaranse de distribuír a axuda entre as máis de 800 entidades sociais coas que colaboran de forma habitual. Proximamente, tamén se repartirá o importe económico recadado para que os bancos de alimentos poidan acudir aos puntos de venda e seleccionar os artigos de alimentación e hixiene que se axusten ás súas necesidades.

Supermercados Gadis agradece a xenerosidade e sensibilidade que demostraron, de novo, os seus clientes. Así mesmo, destacou que a implicación dos voluntarios e do seu equipo humano fixo posible que, un ano máis, e xa van dez consecutivos, Maio Solidario obtivese tan bos resultados.

Dez anos de compromiso: 1,3 millóns de quilos

Grazas a esta iniciativa propia, en colaboración cos seus clientes, na última década a compañía entregou aos bancos de alimentos case 1,3 millóns de quilos de produtos. Así mesmo, nos dous últimos anos, nos que se pode realizar achega económica, recadáronse preto de 130.000 euros.

Unha aposta tenaz a favor da sustentabilidade social

A sustentabilidade social é parte da esencia de Supermercados Gadis, polo que desde as súas orixes envorcouse en proxectos colaborativos que reverten na poboación en situación de risco. Así, non só promove iniciativas solidarias propias, senón que sempre participa activamente en proxectos como a Gran Recollida, que se desenvolve cada ano no mes de novembro. Adherida ao Pacto Mundial da ONU desde 2004, Gadis aborda con estas campañas retos fixados na Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible: ODS 1: Fin da Pobreza e ODS 2: Fame Cero.

Outras accións que se suman ao Maio Solidario, postas en marcha en 2022, son as 10 Operacións Quilo desenvoltas da man de diferentes entidades e asociacións. Tamén se levou a cabo unha campaña de apoio a Ucraína en colaboración con Unicef, a través da que se recadaron 125.000€. E, ademais, a iniciativa “A compra da túa vida”, coa Asociación Española Contra o Cancro, que reuniu 20.243€ para a loita contra esta enfermidade.