Emprego

Formación de 72 persoas traballadoras da construción no uso seguro de vehículos e maquinaria

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron na entrega dos diplomas aos participantes en catro cursos de formación en materia de prevención organizados pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense (ACO).

Puxeron en valor a aposta pola formación e as actualizacións normativas que fan posible que a construción xa non sexa a actividade con maior sinistralidade laboral.

A Xunta apoia con 1,5 millóns de euros este ano ás asociacións empresariais e sindicatos de Galicia para potenciar a prevención de riscos e ofrecer formación.

Óscar Gómez

Ourense | 27.10.2021 11:52

Formación de 72 persoas traballadoras da construción no uso seguro de vehículos e maquinaria
Formación de 72 persoas traballadoras da construción no uso seguro de vehículos e maquinaria | onda cero

As actividades formativas de 35 horas de duración e 18 alumnos cada unha, tiveron como contido a condución e manexo seguro de vehículos e maquinaria para o movemento de terras, condución e manexo seguro de plataformas elevadoras móbiles de persoas, operador de grúa autocargante e operador de grúa-ponte.

Mancha constatou a necesidade de ter man cualificada nun dos sectores que nestes momentos está a incrementar a súa actividade, o que fai necesario adaptar a formación do seu persoal traballador á evolución técnica e á normativa actualizada de riscos. Subliñou que hai anos que estas empresas avogan pola modernización dos seus procedementos e pola formación como medio necesario para rebaixar as cifras de sinistralidade. Grazas a estas medidas, e á adaptación do regulamento da actividade “este obxectivo foi conseguíndose, de modo que na actualidade a construción xa non e o sector con mais accidentes en proporción á súa ocupabilidade”, indicou.

Axudas á prevención

A Xunta, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, inviste este ano 1,5 millóns de euros para a posta en marcha de accións de formación, sensibilización e asesoramento no ámbito da prevención. O programa está dirixido ás asociacións empresariais e organizacións sindicais galegas, sectoriais e intersectoriais, así como ás fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral e ás asociacións de autónomos o que, a xuízo da directora xeral “manifesta a implicación e preocupación da Xunta de Galicia na mellora continua das condicións de traballo de seguridade e saúde nas empresas”.

A iniciativa contén dúas liñas de axudas: a primeira, dotada con 800.000 euros, destinada a actividades de formación, asesoramento e sensibilización en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial; e o segundo programa, cun orzamento de 690.000 euros, está centrado en axudas á formación e á realización de xornadas de contido sectorial.

Na actual convocatoria resultaron beneficiarias da primeira liña 5 entidades e da segunda un total de 27. Entre estas últimas atópase ACO, que revalidará a colaboración da Xunta e percibirá máis de 29.000 euros que, sumados ás de anteriores convocatorias fan que os apoios da Xunta desde 2015 á asociación ascendan a case 220.000 euros.

A directora xeral quixo recoñecer no acto o esforzo das empresas pero tamén de asociacións como ACO, por facilitar formacións específicas sobre riscos menos habituais no sector para conseguir melloras e maior especialización.