Xunta de Galicia

Feijóo analiza co alcalde do Carballiño novas actuacións no concello

Feijóo trasladoulle ao rexedor municipal a posibilidade que brindan os Orzamentos da Xunta de 2021 para que o Centro de Saúde do Carballiño poida acceder a distintas partidas coas que acometer diferentes obras de mellora

Óscar Gómez

Ourense | 15.01.2021 08:50

Feijóo analiza co alcalde do Carballiño novas actuacións no concello
Feijóo analiza co alcalde do Carballiño novas actuacións no concello | onda cero

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, analizou hoxe co alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega, novas actuacións en materia de sanidade, saneamento e turismo no concello.

Concretamente, Feijóo trasladoulle ao rexedor municipal a posibilidade que brindan os Orzamentos da Xunta de 2021 para que o Centro de Saúde do Carballiño poida acceder a distintas partidas coas que acometer diferentes obras de mellora, entre as que se atopan as relacionadas coa eficiencia enerxética, a climatización ou a adaptación funcional de distintos espazos e melloras do espazo asistencial. Ambos mandatarios abriron tamén a posibilidade de, a través da Consellería de Sanidade, valorar a mellor forma de actuar nesta infraestrutura, coa construción dun novo centro de saúde.

No ámbito do saneamento municipal, Feijóo e Fumega analizaron a posibilidade de que Xunta e Concello realicen un cofinanciamento do 50% das distintas actuacións a desenvolver neste eido por un importe total de 600.000 euros. O Concello do Carballiño comprometeuse a remitir o proxecto á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para a súa valoración.

Por último, no eido cultural e turístico, ambos avaliaron a situación na que se atopa o Museo do Papel en Galicia situado nesta localidade e a súa necesaria musealización interior.

No tocante á covid, Feijóo salientou que desde o inicio da pandemia, no marco do Plan de Reactivación posto en marcha pola Xunta, destináronse máis de 600.000 euros a axudar a empresas, autónomos e emprendedores do municipio; e no eido da hostalaría, o Plan de Rescate activado polo Goberno galego chegou a 100 beneficiarios do Carballiño.

O titular do Executivo galego aproveitou a xuntanza para destacar tamén a colaboración entre ambas administracións na loita contra a covid, coa entrega de material por parte da Xunta como: máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais