A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, entregou o premio provincial Innovaugas 4.0 ao colexio Carmelitas de Ourense polo vídeo ‘Xornal Auga’, que aborda a importancia da economía circular. Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, fixo entrega hoxe do galardón, dotado de 3.000 €, ao proxecto elaborado polos alumnos de primaria de 2º B do centro escolar.
Os Premios Escolares Innovaugas 4.0, impulsados desde a Xunta, a través de Augas de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, buscan fomentar entre os máis novos o coidado da auga e o uso responsable deste ben prezado cada vez máis escaso.
Os premios estaban dirixidos aos nenos de 1º e de 2º curso de primaria de toda Galicia. Entre os colexios participantes, elixíronse 4 gañadores, un por provincia, ademais de finalistas. Tratábase de elaborar un vídeo de 1 minuto de duración como máximo, pensado para a súa difusión a través das redes sociais, sobre o ciclo da auga, a importancia social e ambiental deste recurso ou sobre a necesidade de preservalo.
Do vídeo gañador pola provincia de Ourense, ‘Xornal Auga’, a conselleira destacou a súa elaboración, o seu nivel didáctico e tamén a súa orixinalidade. Para a súa elaboración os alumnos empregaron o formato de telexornal, onde eles mesmos son os reporteiros que relatan os problemas que ten o planeta, como un mar cheo de lixo e de plásticos.
Con este vídeo, subliñou a conselleira, os rapaces trasladan de xeito moi gráfico, con imaxes moi ilustrativas, a importancia da economía circular, ensinando a todos a facer uso das 5 R: reciclar, reutilizar, reducir, reparar e recuperar. Cinco “R” que, remarcou, son indispensables para coidar o medio ambiente, a auga e o planeta.
A conselleira felicitou aos profesores pola implicación e o estímulo aos rapaces, e tamén aos alumnos de 2º B pola súa capacidade como reporteiros á hora de informar dos problemas que afectan ao planeta, que hai coidar entre todos.
Tamén expresou a satisfacción da Xunta pola acollida da convocatoria e o éxito de participación dos colexios galegos. Puxo como exemplo os vídeos presentados polos alumnos de 1º A, B e C e de 2º A e B deste centro escolar, cos que os rapaces ensinan o mellor xeito para transmitir esa mensaxe de coidado da auga; e valores e consellos para preservala e non malgastala.
En concreto, foron 5 vídeos elaborados polos rapaces do colexio Carmelitas de Ourense: ‘Xornal Auga’; ‘Detectives da auga’; ‘Versos comprometidos’ e ‘Salvemos a Terra’ que resultaron todos eles finalistas; e outro 5º vídeo presentado, ‘Super-Acuamáns’. Estes traballos, tal e como salientou a conselleira, abordan de xeito orixinal distintas temáticas sobre a utilización e contaminación da auga; con mensaxes e consellos cos que os rapaces ensinan o que se debe e non facer coa auga; animando tamén aos maiores a mudar as condutas prexudiciais para o noso medio.
Innovaugas 4.0
Estes premios enmárcanse no proxecto Innovaugas 4.0, promovido pola Xunta para acadar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos, en equilibrio co medio natural.
O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento de 7 M€ e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 e conta cunha axuda de fondos europeos de 4,2 M€, sendo cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación, con 700.000 euros, e por Augas de Galicia, con 2,1 M€.