Cooperación

A Deputación de Ourense coopera co Concello de Porqueira

O presidente da Deputación destacou a axuda de 175.000 euros consignada nos orzamentos de 2023 para financiar distintos proxectos que se executarán ao longo deste ano, entre eles o remate da renovación de rúas en San Lourenzo.

Óscar Gómez

Ourense | 23.01.2023 09:54

A Deputación de Ourense coopera co Concello de Porqueira
A Deputación de Ourense coopera co Concello de Porqueira | onda cero

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, para repasar os proxectos que se están executando no concello en colaboración co goberno provincial, referidos principalmente ao ámbitos das infraestruturas públicas.

No transcurso deste encontro, Manuel Baltar trasladou á rexedora “o noso absoluto compromiso para contribuír a finalizar as obras e os servizos que están en marcha”. Neste sentido destacou a axuda de 175.000 euros consignada nos orzamentos da Deputación de 2023 para financiar distintos proxectos que se executarán ao longo deste ano.

Entre esas obras, Manuel Baltar e Susana Vázquez analizaron os traballos de humanización de rúas na localidade de San Lourenzo, onde o goberno provincial cofinancia un proxecto enmarcado no Plan Hurbe da Xunta de Galicia. Baltar, que en maio do pasado ano visitou estas obras, comprometeu o apoio da Deputación “para completar un proxecto que repercute directamente na calidade de vida da veciñanza”.

A alcaldesa de Porqueira, satisfeita “pola receptividade do presidente cara o Concello de Porqueira”, tamén solicitou a colaboración da Deputación para executar obras de abastecemento no municipio, “moi necesarias logo da complexa situación que vivimos no pasado verán como consecuencia da seca”. Un ámbito de actuación no que Susana Vázquez lembrou a axuda do provincial para abrir dúas novas captacións, xa finalizadas.