A Deputación e o Concello de Ourense enviarán axuda humanitaria para os refuxiados ucraínos que están chegando a Polonia ante os ataques do exército ruso. As administracións ourensás atenden deste xeito á petición do alcalde da cidade polaca de Ladek-Zdroj, Roman Kaczmarczyk, que solicitou material humanitario aos integrantes da European Historic Thermal Towns Association (EHTTA) -asociación europea de cidades históricas termais- para os refuxiados -principalmente mulleres con nenos e persoas maiores- que están chegando a esta urbe, situada no suroeste do país.
Na circular enviada ao medio centenar de municipios integrados na EHTTA, de 18 nacionalidades diferentes, Roman Kaczmarczyk solicita mantas, toallas, sacos de durmir, material hixiénico, alimentos non perecedoiros ou material escolar e xoguetes para os cativos.