Ourense Cidade

O Concello renovará a flota de autobuses urbanos

A compra directa dos novos vehículos suporía un investimento duns 10 millóns de euros, con cargo ao remanente do Concello, e require dun acordo plenario para poder levarse a cabo

Óscar Gómez

Ourense | 09.03.2021 11:52

Bus urbano ourense
Bus urbano ourense | youtube

O Concello de Ourense renovará a súa flota de autobuses urbanos de forma indirecta, a través da empresa que resulte adxudicataria da xestión do servizo de transporte urbano. Así se acordou na reunión que o alcalde e os portavoces dos grupos políticos municipais mantiveron esta mañá no salón de plenos.

Dada a necesidade de renovar o contrato de xestión do servizo municipal e da súa flota de autobuses, valorábanse dous escenarios. Por unha banda, que o Concello adquirise directamente novos vehículos para renovar a flota, e lle adxudicase a unha empresa, a través dunha concesión, a xestión do servizo. Por outra, realizar unha licitación conxunta, na que sexa a concesionaria a que adquira os autobuses para o Concello.

A compra directa dos novos vehículos suporía un investimento duns 10 millóns de euros, con cargo ao remanente do Concello, e require dun acordo plenario para poder levarse a cabo. A proposta de compra directa, formulada polo goberno municipal e apoiada polo grupo de Ciudadanos (aínda que non asistiu á reunión, comunicoulle a súa decisión ao alcalde) non acadou o apoio dos restantes grupos municipais, polo que a fórmula de adquisición dos vehículos será a indirecta, incluíndo a compra dentro do contrato de concesión.

Ao remate da xuntanza, o goberno municipal deulles indicación aos técnicos municipais para que elaboren o prego de condicións do concurso para adxudicar a prestación do servizo, incluíndo nel a compra dos autobuses. O alcalde confía en que o prego estea listo nun prazo de tres meses para levalo a aprobación na xunta de goberno local e adxudicar o servizo de forma que os autobuses podan estar en servizo na primavera ou no verán de 2022