O Concello de Ourense valora abrir as instalacións deportivas dos colexios da cidade fóra do horario escolar, para permitir que a veciñanza poida desfrutar destes espazos na cidade para practicar deporte. O goberno municipal presentará a aprobación por parte do Pleno do Concello un expediente de modificación de créditos que permita asumir os custos que suporá poñer en marcha este servizo, coa finalidade de que poida estar operativo desde setembro, cando comece o próximo curso escolar, incrementando así dun xeito significativo a oferta de espazos deportivos da cidade que están á disposición da veciñanza e equipos deportivos.
Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen subliña que con esta iniciativa “queremos darlle un servizo máis aos cidadáns desde o Concello, de forma que poidan dispoñer das instalacións deportivas dos colexios fóra do horario escolar, polas tardes e posiblemente tamén, nas fins de semana”. Esta medida, explica o rexedor, “ampliaría moitísimo a oferta de instalacións deportivas reais e prácticas da cidade, xa que se trata de equipamentos que habitualmente están pechados fóra do horario escolar, e as usarían moitos nenos, mozos mozos e clubs que desexan dispoñer de espazos para practicar deporte”.
Trátase dunha iniciativa “innovadora e inédita en Galicia” subliña o alcalde, dado que non existe noutras cidades galegas. Neste senso, explica que os colexios son equipamentos dos que é titular a Xunta de Galicia, mais a apertura dos colexios fóra do horario escolar sería un servizo prestado polo Concello que, en consecuencia, tería que poñer os recursos para desenvolvelo, con conserxes ou a través de empresas especializadas”. O goberno municipal quere impulsar esta iniciativa co obxectivo de poida estar operativa no mes de setembro e entrar en servizo para o curso escolar e tempada deportiva 2022/2023.