Concello de Ourense

O Concello de Ourense súmase á Semana Europea da Mobilidade

Circuítos de educación viaria e de accesibilidade para escolares, contacontos e carpas de reparación de bicis son outras propostas. Os autobuses urbanos serán de balde o día 20 de setembro.

Óscar Gómez

Ourense | 13.09.2023 07:57

O Concello de Ourense súmase á Semana Europea da Mobilidade
O Concello de Ourense súmase á Semana Europea da Mobilidade | AveiroMag

O Concello de Ourense sumarase do 18 ao 22 de setembro á celebración da Semana Europea da Mobilidade, cunha programación de actividades de sensibilización dirixidas ao público infantil e adulto.

Desde o luns, 18, desenvolveranse circuitos de educación viaria, contacontos, e carpas-obradoiro de reparación de bicicletas. O mércores, día 20 de setembro, os autobuses urbanos serán de balde (todos agás o tren turístico) e organizarase unha ruta de ciclismo urbano para adultos. Cun máximo de 50 participantes, de 18 a 20h, percorrerá un itinerario desde o Pavillón dos Remedios até a Praza Maior. As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico educa.programas5@ourense.es

As actividades continuarán o venres, 22, cun circuito ciclista infantil, de 18 a 20h, no espazo deportivo exterior do Pavillón Municipal dos Remedios, para nenas e nenos de ata 12 anos.

Na súa vertente deportiva, a cidade acollerá o domingo, 17 de setembro, o I Pumptrack Concello de Ourense - Copa Galicia, que organiza Ourense Maese Riders Team coa colaboración do Concello, a Deputación e a Xunta, que se desenvolverá no circuíto de pumptrack do Parque das Letras, na rúa do Bispo Lourenzo, desde as 11 da mañá.

A programación de actividades está organizada polas concellerías de Educación e Deportes. O seu obxectivo é sensibilizar tanto o alumnado como a cidadanía sobre os impactos medioambientais do transporte e os seus diferentes modos de utilización, fomentar o uso da bicicleta, lembrar a importancia do seu uso na mellora da mobilidade na cidade, e estimular un comportamento cidadán compatible co desenvolvemento sostible. O lema elixido pola Comisión Europea para a campaña deste ano é “Eficiencia enerxética”, e o lema deste ano e os vindeiros é “Combina e móvete!