Concello de Ourense

O Concello de Ourense promove un gran circuíto ciclista de habilidades no parque 25N

o alcalde avanza que será a mellor instalación pump track de todo estado, que revitalizará a zona e daralle un gran servizo á cidade

Óscar Gómez

Ourense | 21.03.2022 10:28

O Concello de Ourense promove un gran circuíto ciclista de habilidades no parque 25N
O Concello de Ourense promove un gran circuíto ciclista de habilidades no parque 25N | onda cero

O Concello de Ourense impulsa a construción dun gran circuíto ciclista de habilidades, para revitalizar e ter un maior aproveitamento do Parque do 25 de novembro no paseo fluvial do río Miño, xunto á depuradora de Reza. Será o circuíto “máis grande e máis bonito de España”, explicou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen subliña que a nova instalación daralle un forte impulso á zona de lecer da marxe esquerda do río Miño, dotándoa dun novo recurso que fomente a práctica deportiva en Ourense e achegará tamén á cidade aficionados procedentes doutras provincias, xa que será “a mellor instalación de todo o estado español”.

O rexedor avanzou que, enxeñeiros do Concello de Ourense solicitaranlle informe á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), para poder realizar o proxecto de construción do circuíto de bicicletas (Pump Track & Bike Skill Park). Este equipamento roldaría os 5.000 m2 de superficie e sería o máis grande de España, superando con diferenza ao de Pamplona. O novo parque de habilidades ciclistas, dará cabida tamén a outras modalidades, como patíns e skates.

O goberno municipal afronta este proxecto tras constatar o “éxito absoluto” da pista Pump Track recentemente acondicionada no Parque das Letras, que desde a súa inauguración está cheo de usuarios, e aínda saturado nalgunhas franxas horarias, pese a existir outra pista en Monterrey.

Esta modalidade está en auxe e por iso, explica o goberno municipal que “anticipándose a un aluvión de novos Pump Truck que se intúen en Galicia proximamente, Ourense dará un nova nova volta de torca e obterá varios réditos, xa que ademais dunha nova infraestrutura deportiva, darase vida á zona de Reza e ao Parque do 25 de Novembro, ao tempo que se reforza o paseo fluvial, e se visibiliza aínda máis o recordo do bautizo do Parque, 25- N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller”.

Neste parque de Reza, atópase xa unha zona de calistenia, de recente construción, e aínda que o parque está próximo ao río Míño e a zona inundable, o Concello entende que non deberían existir problemas para a súa construción, tendo en conta que se estaría na mesma cota que a actual depuradora de Reza.

Ademais, no Concello xa está a realizar un proxecto para completar cun Bowl xigante, o Parque das Letras, que será o mellor Skate Park de Galicia, e ademais integrado nun parque no canto de laxas de cemento como os demais galegos.