O Concello desenvolverá unha campaña informativa sobre a COVID19 entre os escolares da cidade
No programa de 'Saúde e Protección Escolar' participarán 611 alumnos da cidade de Educación Primaria e 1 º e 2º de ESO
O Concello de Ourense desenvolverá a campaña informativa “Saúde e Protección Escolar Covid-19”. É unha iniciativa da Concellería de Educación dirixida a promocionar a saúde e resolver as dúbidas do alumnado de Educación Primaria e 1 º e 2º do Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) sobre a pandemia e o correcto uso das medidas de prevención e hixiene establecidas no protocolo escolar Covid 19. As charlas comezarán o luns, 23 de novembro, no colexio Miraflores, e no programa participarán 611 alumnos da cidade.
Esta proposta nace tras detectar que os currículos os dous primeiros cursos do ESO están exentos de contidos relacionados coa saúde e o sistema inmune, e que no sistema curricular galego non se aborda até o 6º curso de Primaria. Tendo en conta estes factores e que o protocolo escolar COVID 19 de Galicia lles confire aos centros educativos a posibilidade de deseñar de maneira transversal e voluntaria programas de educación neste tema, a información sobre as infeccións e as medidas de prevención e hixiene fronte a estas novas circunstancias depende da vontade do profesorado ou de cada centro.
Así, o programa da Concellería de Educación quere acompañar e sustentar a información entre os escolares para axudalos a unha mellor comprensión e formación sobre todo o relacionado coa COVID19.