Ourense Cidade

O Concello ampliará as funcións da sala Valente

O obxectivo é ser máis eficiente nos servizos que se lle presta á cidadanía, convertendo o edificio da rúa do Paseo nun espazo “máis versátil e funcional"

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 05.05.2020 12:57 )

Entrada Sala Angel Valente | Ourense Dixital

O Concello de Ourense dá un paso á fronte para ser máis eficiente nos servizos que lle presta á cidadanía e dotará a sala Valente, na rúa do Paseo, nun espazo “máis versátil e funcional”, en palabras do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. Sen deixar de empregala como espazo expositivo, a sala Valente albergará tamén actividade administrativa no centro da cidade.

Entende o rexedor que os tres grandes centros expositivos de Ourense – o Museo Municipal, a sala Valente e o centro Marcos Valcárcel- están “infrautilizados” e non reciben o público que deberían. É por iso que, logo de conversas mantidas coa Deputación, a oferta cultural da sala Valente realizarase en conxunto co Marcos Valcárcel co obxectivo de “darlle un maior contido e atraer máis público”, segundo Pérez Jácome.

Así mesmo, anuncia unha ampliación de 100.000 euros na partida para contidos do Museo Municipal, de forma que se poida dotar de exposicións atraentes para o público local e para reforzalo como destino turístico. En conclusión, a remodelación da Sala Valente en sala de usos diversos, tanto para exposicións como para edificio administrativo, é un gran avance na eficiencia dos servizos que o Concello presta para a cidadanía.