Centro Maiores

O BNG denuncia que existen residencias de maiores con ocupación superior á autorizada

O deputado, Iago Tabarés sustenta estas denuncias nas inspeccións realizadas polos propios funcionarios da Xunta.

Óscar Gómez

Ourense | 11.11.2021 09:45

O BNG denuncia que existen residencias de maiores con ocupación superior á autorizada
O BNG denuncia que existen residencias de maiores con ocupación superior á autorizada | onda cero

O deputado do BNG, Iago Tabarés formulou unha pregunta á conselleira de Política Social, Fabiola García sobre a vulneración de dereitos fundamentais detectados nalgunhas residencias de maiores no que atinxe á “liberdade, a dignidade e autonomía”.

O nacionalista denuncia que existen centros de maiores cunha ocupación superior á autorizada, falta de persoal de atención directa e medidas de suxeición mecánica “sen prescrición médica e sen consentimento”.

A pesar da ocultación de información da Xunta sobre a situación real de residencias concretas, proceder que o deputado achacou non a protección de datos de carácter persoal das persoas residentes senón ao interese do goberno galego de “protexer as empresas”, no BNG, dixo, contamos con contidos concretos dunha acta de inspección levantada por “funcionarios públicos” no mes de agosto do 2019 na que apreciaban: “a inexistencia de inspección durante os anos 2017 e 2018, unha ocupación superior á máxima autorizada, incumprimento dos rateos do persoal de atención directa, mesmo cunha cociñeira realizando labores de auxiliar de xerontoloxía” e o máis grave “ a aplicación de medidas de suxeición mecánica sen prescrición médica nin consentimento”.

Neste sentido, lembrou que a propia Sociedade de Xeriatría e Xerontoloxía considera que estas medidas de suxeición “atentan contra os dereitos fundamentais das persoas que afectan á privación de liberdade e aos valores de dignidade e autoestima ademais de xerar riscos físicos e psíquicos”.

Ante esta situación, recalcou o deputado do BNG, “a Xunta gardou silencio e encubriu actitudes moi graves da empresa beneficiaria con importantes contratos públicos” polo que preguntou si estes feitos foron postos en coñecemento da Fiscalía e se existe algún expedinte sancionador polas irregularidades cometidas.

Tras a resposta da conselleira que afirmou que todas as infraccións conlevan unha sanción, o deputado do BNG replicou que tales feitos deben ser comunicados, sen dilación, ao Ministerio Fiscal porque de non facelo, “a consellería que dirixe Fabiola García tamén incorre nun delito”.

A consellería de Política Social, reiterou Tabarés, “debe velar polo benestar dos nosos maiores, benestar que implica respecto aos seus dereitos e dignidade, e vostedes non o fan porque prefiren priorizar ás empresas sobre as persoas”. Non realizan inspeccións nos centros de maneira regular e cando o fan e advirten irregularidades, “silencian a infracción e mesmo premian ás empresas”.

Velen polo respecto das persoas residentes dos centros de maiores e dependentes e fagan deste labor “o centro da súa acción política” e “non unha oportunidade de negocio”, concluíu o nacionalista.