Ourense Provincia

O BNG demanda corrixir a infrafinanciación dos pequenos concellos galegos

Varela demanda da Xunta e do Estado que atendan á realidade galega para dotar aos concellos dunha financiación xusta e transparente que favoreza á poboación dos municipios de menor número de habitantes e que remate coa discriminación cara concellos galegos.

Óscar Gómez

Ourense | 26.01.2022 10:11

O BNG demanda corrixir a infrafinanciación dos pequenos concellos galegos
O BNG demanda corrixir a infrafinanciación dos pequenos concellos galegos | onda cero

Para os nacionalistas é igual de preciso que a Xunta de Galiza estableza por lei a regulación da participación nos ingresos da Comunidade Autónoma dos concellos galegos, na que se clarifique a participación anual e os criterios de reparto. Así mesmo, indica Varela, é preciso que desde a Xunta de Galiza se estableza un “Plan para os concellos”, no que se integre un “Fondo de Cooperación Local”, con todas as axudas e subvencións anuais que o goberno galego destina ás entidades locais para maior respecto á autonomía financeira e á suficiencia local; un “Fondo Anual de Infraestruturas a Entidades Locais”, formado polas transferencias de capital que a Xunta destina aos concellos a través de convenios e subvencións; e activar un “Instrumento de Transparencia” para establecer medidas de reparto equilibrado.

Bernardo Varela tamén demandará instar ao goberno do Estado español a que estableza que os fondos “Next Generation” permitan o acceso directo aos concellos de menos de 50.000 habitantes cun orzamento mínimo e marcando claramente as liña de actuación, que impida un mal uso dos mesmos. Tal como manifesta Varela, é preciso un sistema de financiamento ecuánime e transparente, que permita aos concellos coñecer de anteman os ingresos cos que van contar para poder facer fronte ás súas obrigas e poder planificar e decidir axeitadamente en que investir os seus recursos

O BNG ven denunciando a histórica discriminación dos concellos de Galiza, que chegaron a perder 2.200 millóns de euros desde a entrada en vigor do actual sistema de reparto en xaneiro de 2004. Unha discriminación que afecta ás cidades galegas, cunha aportación media por parte do Estado de 252,7 euros por habitante no exercicio 2020, fronte aos 499,63 euros de media das grandes cidades do Estado.

A esta situación engádese a infrafinaciación que afecta aos pequenos concellos que se rexen polo Réxime Xeral, o que afecta aos de menos de 75.000 habitantes, e que é especialmente dañino para os concellos de Galiza. Onde os concellos de menos de 5.000 habitantes parten dun factor de ponderación 1; os de 5 a 20mil, de 1,17; os de 20 a 50 de 1,3 e os de máis de 50 mil,1,4.

“Esta é unha estafa á veciñanza dos pequeno concellos de todo o Estado español e singularmente aos concellos galegos. Que soportan un sobrecuste para prestar servizos e infraestruturas pola dispersión poboaciónal” indica Varela, que lembra que o 58,6% dos núcleos de poboación do Estado son galegos.

É dicir, que mentres concellos como Oimbra ou A Mezquita disporán dun euro por veciño, dispersos en múltiples núcleos; Torremolinos ou Benidorm, por poñer tamén dous exemplos, recibirán esa cantidade incrementada nun 40%, tendo un único núcleo ao ter que dotar de auga, saneamento, iluminación pública ,estradas, recollida de lixo, etc. Agravándose a situación tras asumir os concellos competencias impropias pola COVID. Desde axudas a sectores afectados até medidas de seguridade e control da crise sen recibir recursos extra para facer fronte a eses gastos.

Os concellos de Ourense están especialmente afectados pois ademais dun sistema de ponderación discriminatorio, analiza Varela, os concellos de Ourense carecen dunha financiación en función das súas necesidades reais por parte da Deputación de Ourense, que non dispón dun “Plan Único” que reparta fondos en función de criterios obxectivos, como os que implementou o BNG cogobernando nas outras tres Deputación provincias galegas. Por outra banda, padecen a discrepcionalidade da Xunta de Galiza, a cal nos orzamentos destinados aos concellos para o vindeiro ano, o 72% dos fondos terá carácter discrecional, e nin terá en conta as múltiples competencias impropias asumidas polos concellos. Á vez os concellos pequenos tamén se verán relegados do reparto dos fondos “Next Generation” que só accederan a pírricas porcentaxes de axudas e con serias sospeitas da xustiza e equidade na forma de distribución da axudas por parte do Estado.

O BNG demandará “Plans Únicos” en todas as provincias do Estado

O voceiro nacionalista na Deputación de Ourense procurará conquerir o consenso do pleno provincial para que a institución demande do Estado unha Lei para que cando menos o 25% dos fondos de cada provincia se repartan de forma obxectiva entre os municipios de cada Deputación de forma obrigatoria.

O grupo provincial do BNG de Ourense ven presentando todos os anos unha enmenda aos orzamentos da Deputación de Ourense en base a criterios obxectivos propostos pola FEGAM, pondo de manifesto ano tras ano a viabilidade de aplicar un “Plan Único” para os concellos da provincia de Ourense, garantíndolles uns fondos fixos e previsibles que os dotaría dunha financiación moi superior a que actualmente perciben do entre provincial, para facer fronte ás necesidades reais sen depender de prebendas de ningún tipo.

A distribución de fondos provincias a través dun Plan Único, indica Varela, é unha medida que o BNG ven impulsando nas tres provincias galegas nas que goberna. As Deputación da Coruña, Lugo e Pontevedra asignan aos seus concellos unha partida dos orzamentos na que unha parte se reparte de forma lineal e outra en función de criterios obxectivos, como a dispersión, a poboación, a superficie e o índice de avellentamento.

“Para o BNG este tipo de reparto obxectivo debería ser de obrigatoriedade para as Deputacións, non unha simple suxerencia, e evitar o abusivo reparto discrecional de fondos como acontece na Deputación provincial de Ourense” declara o voceiro do grupo provincial do BNG, Bernardo Varela.