Cultura

Baltar reivindica a Carvalho Calero no Día das Letras Galegas

O presidente da Deputación afirma que a figura dun dos grandes intelectuais galegos do século XX segue máis viva ca nunca

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 18.05.2020 08:21)

Manuel Baltar
Manuel Baltar | Deputación de Ourense
  • O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, no Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero, o referente que supuxo este intelectual galego, “un dos grandes do século XX”, de quen afirma que a súa obra e a súa pegada humana “seguen hoxe máis vivas ca nunca, nuns tempos onde o xenuíno acada o valor que merece, neste caso en forma de homenaxe permanente a un dos nosos, Carvalho Calero, caracterizado polo seu compromiso galeguista”, expresa Baltar.

    O presidente do goberno provincial reivindica a Carvalho Calero, a súa faceta como narrador, poeta e dramaturgo, e tamén o seu labor no ámbito da historia literaria galega, campo no que se lle considera fundador da historia da literatura galega contemporánea. “Achegarmos a Carvalho Calero é un exercicio vital para o noso espírito de intelectualidade, e tamén para evitar que esta crise, que tan fondamente golpea á nosa sociedade, contaxie á nosa cultura”, remarca Manuel Baltar, sinalando: “Son tempos de incertezas pero tamén de oportunidades, e a cultura galega, que navegou sempre en mares nada doados, ten en Carvalho Calero un faro no que ben paga a pena fixarse”.

    O presidente da Deputación de Ourense destaca que Carvalho -quen foi o primeiro profesor e catedrático de Lingüística e Literatura Galega- “fixo da defensa do noso idioma o eixo principal do seu labor docente e intelectual”, e neste sentido, comenta que hoxe é unha data sinalada para lembrar a celebración que se organiza en Vilanova dos Infantes e que este ano, por mor da crise do COVID-19 non pode ter lugar: a Romaría Etnográfica Raigame. “A ben seguro, Don Ricardo, de quen se cumpren trinta anos do seu pasamento, estaría ledo de admirar como homenaxeamos á nosa cultura na maior festa etnográfica de Galicia, que volverá con toda a súa forza no vindeiro ano”, afirma Baltar, engadindo que Raigame “simboliza todo o que este “loitador do noso” fixo pola cultura galega, sendo unha das figuras máis relevantes da nosa terra na segunda metade do século XX”.