Ourense Cidade

Abrirán as piscinas municipais de Oira o vindeiro luns, 14 de xuño

Poderá reservarse cita previa para un máximo de dous adultos e tres menores de 14 anos como norma xeral, adaptándose as posibles excepcións; non se pode reservar días seguidos; o prazo de reserva é, como moito, para os catro días seguintes á data da reserva.

Óscar Gómez

Ourense | 10.06.2021 13:48

piscinas de oira
piscinas de oira | onda cero

O Consello Municipal de Deportes habilitará nos vindeiros días un espazo web para solicitar cita previa para as piscinas de Oira, cuxo aforo está reducido seguindo as indicacións das autoridades sanitarias: a Xunta de Galicia decreta que só poderá ocuparse o 50% do aforo. Ademais da cita previa para o control de aforo, e será preciso seguir respectando as medidas de seguridade, caso do emprego de máscaras, o uso de xel hidroalcólico ou a distancia social.

Cita previa. O mecanismo para acceder ás piscinas será sinxelo e se habilitará nestes días para seleccionar a data ou datas e a quenda elixida (polas mañás, de 11:00 a 15:30, ou polas tardes, de 16:30 a 21:00 horas). Para finalizar a reserva, debe aceptarse a normativa de uso da COVID-19.

Poderá facerse para un máximo de dous adultos e tres nenos (menores de 14 anos) como norma xeral. Os posibles casos excepcionais, como familias numerosas que superen este número deberán contactar con Consello Municipal de Deportes.

Non se pode reservar días seguidos; o prazo de reserva é, como moito, para os catro días seguintes á data da reserva. A aplicación prevé bloquear temporalmente ás persoas que tendo reservada unha quenda, non acudan as mesmas.

As persoas que non teñan acceso a dispositivos móbiles poderán retirar un tícket nas instalacións do Pavillón dos Remedios no horario de atención ao público. As persoas maiores 70 anos terán acceso prioritario na quenda de mañá.

Acceso e medidas de seguridade. O recinto estará marcado por unhas frechas laranxas no chan que guiarán o acceso dos usuarios. Dentro do recinto débeseusar máscara protectora, salvo no vaso. O xel hidroalcólico debe utilizarse previamente ao acceso á instalación e aos vestiarios. Dentro, haberá que manter distancia entre grupos, de 1,5 metros como mínimo.

Cada 30 minutos emitirase unha mensaxe pola megafonía para lembrar todas as medidas de seguridade, así coma o emprazamento dos diferentes servizos. Así mesmo, o servizo de vixilancia -tanto socorristas coma o persoal contratado para a ocasión- explicará aos usuarios todas as dúbidas que poidan xurdir durante os primeiros días, no relativo ás medidas de seguridade coma ao funcionamento do servizo de cita previa.

Limpeza. Efectuarase unha limpeza á maña, con valdeo de paredes, e outra ao mediodía, entre as 15:30 e as 16:30 horas.