Cultura

Aberto o prazo para participar na XXXIX edición do Premio Blanco-Amor

Manuel Baltar lembrou que este galardón é “o premio literario máis antigo, de máis prestixio e de maior dotación económica das letras galegas”

Óscar Gómez

Ourense |

Premio Edurdo Blanco Amor | La Region

O Boletín Oficial da Provincia publicou, o pasado 5 de xuño, as bases reguladoras da XXXIX edición do Premio Blanco-Amor de novela longa que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco-Amor, polo que desde dita data ata o 14 de setembro de 2020, poden participar no certame tódolos autores que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, lembrou que o Premio Blanco-Amor de novela longa que este ano chega a súa XXXIX edición, é “o premio literario máis antigo, de máis prestixio e de maior dotación económica das letras galegas”.

As novelas que se presenten ao certame deberán ter unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos. Ademais, as obras presentadas terán que ser totalmente inéditas.

De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Deputación de Ourense, rúa Progreso n.º 32, 32003 Ourense, facendo constar no exterior “Para o XXXIX Premio Blanco-Amor”. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico. O prazo de admisión dos orixinais rematará o luns 14 de setembro de 2020, cento vinte e tres aniversario do nacemento, en Ourense, de Eduardo Blanco-Amor.

O xurado do premio será nomeado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, e estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. O premio está dotado con 15.000 euros e unha obra escultórica, aínda que se poderá declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado.A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, o martes 1 de decembro de 2020, corenta e un cabodano do autor de A Esmorga