Colaboración

ABANCA e os empresarios de San Cibrao acordan novas alternativas de crédito fronte á COVID-19

O banco e a asociación que agrupa os empresarios do principal polo industrial da provincia renovan a súa colaboración e desenvolven un plan de financiamento integral

Óscar Gómez

Ourense | 13.11.2020 08:54

ABANCA e os empresarios de San Cibrao acordan novas alternativas de crédito fronte á COVID-19
ABANCA e os empresarios de San Cibrao acordan novas alternativas de crédito fronte á COVID-19 | onda cero

ABANCA achégase ás necesidades de crédito do tecido empresarial do Polígono de San Cibrao e renova o seu histórico convenio de colaboración. O novo texto, asinado esta mañá na sede da Asociación de Empresarios no propio polígono, permite amosar o apoio do banco á actividade produtiva da principal área industrial da provincia, xusto nun momento crítico marcado pola situación sanitaria e económica provocada pola pandemia da COVID-19

O convenio foi subscrito esta mañá polo presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, José Antonio Rodríguez, e polo director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra. Co novo texto, que entra en vigor dende este mesmo momento, as dúas entidades redobran o seu compromiso coa viabilidade e o crecemento dun dos focos de emprego e riqueza máis relevantes da provincia.

A principal novidade do convenio ten a ver co financiamento oficial creado especificamente para facer fronte á crise da COVID-19. Os empresarios de San Cibrao terán á súa disposición as liñas postas en marcha polo ICO e polo Igape, que a entidade tramita con especial dilixencia, grazas á súa oficina emprazada no propio polígono.

Grazas a este convenio, o banco pon a disposición das empresas pertencentes á asociación un plan de financiamento que responde de maneira integral ás súas necesidades. O documento inclúe produtos e servizos que permiten tanto acometer investimentos, como reforzar a competitividade destes proxectos. Así, os empresarios desta área industrial contarán con produtos especificamente deseñados, entre os que destacan préstamos persoais e hipotecarios ou leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos.

A oferta financeira de ABANCA inclúe tamén solucións para as necesidades máis perentorias e así poder adecuarse ás demandas da actividade diaria. O colectivo terá á súa disposición outros produtos e servizos como pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais ou corfirming segundo as súas necesidades.

Do mesmo xeito, os empresarios asociados poderán desfrutar das vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingreso de cheques ou outros servizos habituais. ABANCA, ademais, porá a disposición destes profesionais a banca electrónica, o Bróker Online ou ABANCA Pay. Tamén o servizo ‘Appúntame’, para xestionar de xeito sinxelo calquera tipo de cotas, domiciliacións ou subscricións tanto para eles como para seus clientes.