A Carreira Popular de Leiro, incluída dentro do Calendario Oficial da Federación Galega de Atletismo e controlada polo Comité Galego de Xuíces, consta duns 10 quilómetros na súa categoría absoluta e diferentes distancias para o resto de categorías masculinas e femininas, que comprenden dende os 5 quilómetros ata os 250 metros na categoría de pitufos.
Esta proba, que celebrarase a partir das 10,00 horas do domingo na área recreativa do Salgueiral, tamén permitirá a participación por equipos -de homes, mulleres e mixtos- na máxima categoría, debendo rematar a proba como mínimo sete corredores do mesmo equipo para optar á clasificación.
A carreira deste domingo retransmitirase en streaming (www.youtube.com/carreirapopulardeleiro.com) con pantalla xigante dende a Praza do Cruceiro de Leiro. Os dorsais e os chips entregaranse no Salgueiral o día da proba dende as 08,00 horas da mañá ata 15 minutos antes de cada proba. A entrega de trofeos realizarase a partir das 12,00 horas na zona de saída-meta da mesma área recreativa.
Actividades para os rapaces
Ademais, enmarcado no fin de semana da Carreira Popular, o sábado 1 de xullo celebraranse unhas “olimpíadas deportivas” gratuítas na Praza do Cruceiro de Leiro. As actividades, que arrancan ás 18,00 horas, abranguerán xogos populares, festa da escuma e animación a cargo de Dj Tibu.
Máis información e inscricións na web www.carreirapopulardeleiro.ccnorte.com