Cultura

A 28º edición do OUFF pecha cunha gala que rende homenaxe á historia do cinema galego

Loles León recibiu a Calpurnia de Honra pola súa traxectoria no cinema lembrando a participación no filme galego Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, no que interpretou a Minga, unha personaxe “borrachuza, descarada y libre”, lembrou a actriz.

Óscar Gómez

Ourense | 09.10.2023 07:55

A 28º edición do OUFF pecha cunha gala que rende homenaxe á historia do cinema galego
A 28º edición do OUFF pecha cunha gala que rende homenaxe á historia do cinema galego | onda cero

A historia do cinema galego representouse onte no Auditorio Municipal de Ourense, na Gala de Clausura do Ourense Film Festival (OUFF) que pechou a súa 28º edición despois de 10 días cunha programación chea de cinema. Miguel Anxo Fernández abriu a gala agradecendo o apoio ao publico ourensán, á Deputación de Ourense e Xunta de Galicia e aos patrocinadores privados que apoian o festival: Abanca, Gadis, Corporación Hijos de Rivera, o Centro Comercial Ponte Vella e o xornal La Región. “O OUFF é o gran festival de cine internacional de Galicia”, sinalou Fernández, e comezou unha festa á altura dese título.

Loles León, Calpurnia de Honra desta 28º edición de festival, lembrou o seu papel en Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, e dedicoulle o recoñecemento ao director: “Chano me trajo aquí, a disfrutar de esta tierra maravillosa”, sinalou antes de recibir unha gran ovación do público, que se puxo en pé. O filme Sempre Xonxa, de 1989, foi unha referencia para toda unha xeración de directores galegos, pois considérase o título fundacional do noso audiovisual moderno. Anos depois, a directora vasca afincada en Galicia Jaione Camborda lograría unha Cuncha de Ouro en San Sebastián por O Corno. No OUFF, Camborda recibiu a Capurnia Xacobeo á Mellor Película e o Premio á Mellor Dirección, deixando patente con estes recoñecementos, en Galicia e no estranxeiro, o gran momento que vive o noso audiovisual. “A dirección e dar espazos a esas sensibilidades que entran un filme. O cine é un traballo colectivo, no momento de decir acción hai moito traballo e moita xente, o cine é o poder de moita xente xunto e coreografiado”, sinalou Jaione nos seus agradecementos, nos que tamén lembrou “ás persoas que deixan esforzo por dar cultura a unha cidade”.

Loles León e Jaione Camborda foron as grandes protagonistas da noite nunha gala que contou coa actuación de Burgas Big Band, que interpretou temas clásicos do cine, e algunhas sorpresas, como un adianto do filme Máis Cuñados, da productora galega Portocabo, que presentou o actor protagonista Federico Pérez. Dúas presentadoras de primeira e gran traxectoria no eido audiovisual foron as encargadas de amenizar a noite, Mariana Carballal e Isabel Blanco, baixo a dirección de Ángel de la Cruz.

Nesta Gala de Clausura entregáronse todos os galardóns da Sección Oficial Internacional e Panorama Galicia, esta última foi unha aposta do OUFF por igualar o recoñecemento do audiovisual galego ao internacional dentro do festival. A comedia negra Honeymoon, do galego Enrique Otero, recolleu dous premios. O primeiro, entregado por Xosé Pastoriza, director de La Región, foi o Premio do Público, que patenta o éxito do filme das salas, onde o 88% dos espectadores participaron co seu voto. Enrique Otero subiu ao palco para agradecer aos espectadores o agarimo. Nathalie Poza, actriz protagonista do filme, alzouse co Premio á Mellor Interpretación da sección Panorama Galicia e agradeceu “que el público valore las historias que nos retratan desde lo más complejo, como es la pérdida”. Antonio Carballo, en representación de Corporación Hijos de Rivera entregoulle o recoñecemento. O Premio ao Mellor Guión foi para Xavier Villaverde, por María Casares: a muller que viviu mil vidas, un galardón que recolleu das mans de Rosana Neira, directora de Zona Ourense Leste de Abanca.

Un dos momentos máis especiais da noite foi a entrega da Calpurnia de Honra, que comezou co visionado dun vídeo homenaxe á traxectoria de Loles León. A actriz recolleu esta Calpurnia das mans de Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense. León, “chica Almodóvar”, lembrou a Chano Piñeiro e agradeceulle o recoñecemento: “Chano me trajo aquí, a disfrutar de esta tierra maravillosa” e lembrou a dificultade, e tamén a diversión, daquela rodaxe tan importante na historia do cinema en Galicia. O seu papel foi o de Minga, “borrachuza, descarada y libre”, en palabras de León. O público púxose en pé para render homenaxe a unha actriz que é profundamente agradecida cos espectadores ourensáns cada vez que visita a cidade.

“Fallen leaves” do finés Aki Kaurismäki, Calpurnia á Mellor Película

Antes de pasar á entrega de premios do palmarés da Sección Oficial Internacional, o director Ángel de la Cruz presentou en exclusiva un pequeno adianto de As Pedras Falarán, un documental producido por Ézaro Films que repasa o impacto do Camiño Santiago en Galicia nos últimos 30 anos, lembrando o auxe das peregrinacións no ano 1993.

No ecuador do evento Jose Luis Fernández, director de Comunicación de Gadis, entregou o Premio Especial do Xurado a La memoria infinita, un documental de Maite Alberdi. En representación da directora, que enviou un vídeo cos agradecementos, recolleu o galardón Sergio Martínez, de Btean, distribuidora en España do filme. Este documental tamén acadou o Premio Carlos Velo á Mellor Dirección, entregado pola presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte.

O Premio á Mellor Interpretación levouno a actriz Lily Gladstone por Fancy Dance. Na súa representación recolleu a figura Estrella Ariza, voceira do xurado internacional, e entregouna César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, Educación e Deporte. Este filme tamén levou o Premio ao Mellor Guión, escrito por Erica Tremblay e Miciana Alise, quenes participaron no evento mediante un vídeo no que agradeceron o apoio que recebe a longametraxe. O galardón recolleuno Inês Branco, membro do xurado internacional, e entregou Marcos Villa, director xerente do Centro Comercial Ponte Vella.

O premio grande da Sección Oficial Internacional, a Calpurnia a Mellor Película foi peche desta entrega de galardóns do 28º OUFF. O xurado decidiu outougarllo a Fallen Leaves, do director finés Aki Kaurismäki. Recolleu o premio Bernardo Loira, da distribuidora en España do filme, Avalon, das mans de Elena Rivo, Conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade.

“Mi otro Jon”, unha comedia de enredo benéfica

E a gala non rematou aí, o festival de cinema só podía pechar esta edición coa súa razón de ser, o pracer de desfrutar de grandes películas en Ourense. Por iso os espectadores puideron gozar da estrea de Mi otro Jon, do director Paco Arango, quen subiu ao palco para presentala. Unha comedia de enredo, protagonizada por Carmen Maura, que explora a posibilidade de cambiar de corpo con outra persona cando sufrimos unha dolencia. O filme destinará todos os seus beneficios á Fundación Aladina, dedicada a loita contra o cancro infantil.