A Consellería de Traballo e Benestar financiará a posta en funcionamento dun obradoiro de emprego ao concello do Carballiño, que desenvolverá en colaboración coas localidades de San Amaro e Boborás, e que beneficiará a 20 persoas desempregadas.
Así o comunicou a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, ao alcalde deste concello, Argimiro Marnotes, nunha reunión onde lle informou da proposta de resolución destas axudas.
O Goberno galego investirá preto de 180.000 euros en poñer en marcha este proxecto, que se especializará en labores de albanelería, carpintería e xardinería. Os participantes disporán así dunha formación de calidade, ao tempo que contarán cun posto de traballo.
Como sucede con todos os obradoiros, estas iniciativas mixtas de formación e emprego permiten desenvolver labores de interese para a comunidade. En concreto, neste caso realizaranse distintos labores de acondicionamento e rehabilitación de locais dos tres concellos.
53 obradoiros por toda Galicia
A Xunta porá en marcha nos próximos meses un total de 53 obradoiros por toda Galicia, que contarán cun investimento de 10,2 millóns de euros e beneficiarán a preto de 1.300 galegos e galegas.
En concreto, na provincia de Ourense financiaranse 13 iniciativas mixtas de formación e emprego (na que participarán 40 concellos) e que contarán cun total de 263 alumnos e un investimento superior a 2,3 millóns de euros.