O BNG pide un aumento nas medidas contra o covid-19 en Ourense
A formación nacionalista mostra a súa preocupación pola evolución do coronavirus na provincia
O BNG expresou a súa preocupación pola evolución de Ourense lembrando que leva días “liderando” a peor das evolucións na Galiza e que a día de hoxe é a segunda provincia en número de contaxios malia ser a cuarta en número de habitantes. Presas sinalou que a Xunta non pode seguir mirando para outro lado nas residencias de anciáns e cómpre incrementar a vixilancia en canto á reanudación das actividades non esenciais.
Segundo os últimos datos aportados, Ourense ten case un 0,4% de positivos respecto da súa poboación mentres ningunha das outras tres provincias galegas chega ao 0,2%. Estes datos preocupan á formación nacionalista, sendo “moi alarmante e lamentamos non merecera a máis mínima valoración ou reflexión por parte da Xunta de Galiza” sinalou Presas. Mostraron unha forte preocupación pola evolución dos casos de coronavirus na provincia de Ourense xa que hoxe é a segunda provincia en número de casos malia ser a cuarta circunscrición do país.
Para o BNG é preocupante a reanudación da actividade non esencial en Ourense pola delicada situación que atravesa. “Require incrementar medidas de inspección para garantir que as e os traballadores teñen os medios adecuados” afirmou a membro da Executiva Nacional do BNG, Noa Presas. Asemade, indicou que desde o BNG “levamos advertindo desde o inicio desta crise a necesidade de atender adecuadamente a situación das residencias” Ourense ten a meirande ratio de prazas residenciais de Galiza e case un 70% privadas polo que é “necesario realizar de forma inmediata unha intervención de todas as residencias privadas para que estean controladas pola Xunta e evitar novos desfases como Celanova ou A Farixa, pois non se entende que a día de hoxe aínda non estean intervidas” afirmaron.
Presas volveu a insistir na preocupación polas condicións dos residentes despois das denuncias de familiares de REDE. Sinalaron que hai que ter unha garantía de que existe unha segunda proba de covid para todo o persoal sociosanitario antes de se reincorporar ao posto de traballo xa que a día de hoxe, despois de que a Xunta tivera que rectificar respecto das traballadoras de Celanova, publicamente segue sen constar un novo protocolo para estes casos.
Plan de seguimento
Nesta crise “Ourense non pode ser unha vez máis a esquecida de Galiza” polo que o BNG reclama da Xunta de Galiza un plan de seguimento para estudar se deben introducirse medidas específicas nesta parte do país para “garantir que a evolución non siga distanciándose da do resto de Galiza e protexer unha poboación altamente vulnerable pola súa estrutura demográfica”.
O BNG ven de propoñerlle ao cogoberno municipal que exixa á Xunta de Galiza establecer un sistema de acceso aos sistemas de protección dun xeito controlado e seguro. Queren evitar que se produzan aglomeracións ou saídas das vivendas coa finalidade de facerse con eles e garantir que cheguen a todas aquelas persoas que precisan do material.
Tras ter acordado o reinicio da actividade empresarial e industrial por parte do goberno do Estado existiu un acordo para repartir instrumentos de protección entre todas aquelas persoas que empregaran o transporte colectivo. A realidade galega é moi diferente a das grandes cidades do Estado español e o reparto non funciona na meirande parte dos concellos galegos. Por este motivo, a organización nacionalista artellou unha medida para solucionar a desprotección que atravesan milleiros de traballadoras no país similar á que se está realizando noutras comunidades.
“Debe artellarse un sistema de reparto obxectivo e controlado, sen caer en repartos indiscriminados, dado que neste momento non existe material suficiente dispoñíbel para garantir o acceso universal da poboación” sinalou o voceiro municipal do BNG de Ourense, Luis Seara, ademais de sinalar que debe se debe priorizar a necesidade obxectiva do mesmo.
Desde a formación nacionalista emitiron esta proposta ao cogoberno municipal co fin de que insten á Xunta de Galiza, posuidora das competencias en sanidade e saúde pública, a establecer un sistema de acceso aos sistemas de protección- máscaras e luvas fundamentalmente- dun xeito controlado, seguro e evitando que se produzan aglomeracións. “Hai que garantir que cheguen a todas aquelas persoas que precisan deste material para o desenvolvemento da súa actividade vital e laboral de maneira segura” indicaron na organización nacionalista.