Educación

Alumnos do IES 12 de Outubro participarán na semana STEM

O obxectivo é reforzar os coñecementos científico-tecnolóxicos no eido educativo, necesarios para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro

Óscar Gómez

ourense | 26.11.2019 12:50

Alumnos de 12 de Outubre participan na semana STEM
Alumnos de 12 de Outubre participan na semana STEM | Xunta de galicia

A Semana STEM forma parte do conxunto de accións da Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020) postas en marcha pola Consellería de Educación coa finalidade de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o alumnado galego.

O seu obxectivo é reforzar os coñecementos científico-tecnolóxicos no eido educativo, necesarios para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro. Deste xeito, as estadías proporcionan un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumente o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.

As actividades non só serán académicas, senón tamén de carácter lúdico-recreativo, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo do alumnado nas aulas. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo libre e deportivas. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, o aprender facendo mediante un enfoque “maker”, a creatividade e a motivación para mellorar a súas competencias STEM.

Este campamento de innovación educativa impulsado pola Xunta de Galicia está dirixido a rapaces de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos galegos, co obxectivo de ampliar os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías dunha semana de duración en réxime de internado durante os meses de outubro, novembro e decembro deste ano. A actividade é totalmente gratuíta para as familias e desenvólvese nos Peares. Da provincia de Ourense participarán nesta experiencia un total de 25 alumnas e alumnos de 1º de ESO do IES 12 de Outubro.