A Xunta de Galicia vén de tomar a decisión de intervir a residencia Nuestra Señora de Fátima do Barco de Valdeorras, tralo elevado número de positivos por coronavirus entre as persoas usuarias e traballadoras do centro. Este centro converterase en residencia integrada, na que residirán persoas maiores que estean xa contaxiadas.
Esta é a terceira residencia privada que intervén o Goberno autonómico, logo da de Domusvi Barreiro en Vigo e a de Domusvi Cangas, en calidade de autoridade competente, unha decisión que se ampara no apartado terceiro da orde do Ministerio de Sanidade SND/275/2020, do 23 de marzo.
En virtude do disposto nesa orde ministerial, a Xunta de Galicia designará a un empregado público para dirixir e coordinar a actividade asistencial desta residencia privada e garantir así a correcta aplicación dos protocolos e a supervisión médica de todas as persoas maiores que residen alí. A persoa designada polo Goberno autonómico disporá de todos os recursos materiais e humanos neste centro.